Negueira de Muñiz benefíciase dos novos investimentos da Deputación de Lugo en mobilidade

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou novos investimentos relacionados coa mobilidade na provincia por un importe total de preto de 3 millóns de euros. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, ao remate da reunión do executivo.
“Seguimos dando pasos cada semana, traballando con axilidade e eficiencia, en liña co noso compromiso para sacar adiante proxectos de mellora das estradas da nosa provincia”, destacou García Porto, facendo fincapé no carácter continuo das actuacións impulsadas pola institución.
Entre os proxectos aprobados figura a licitación do arranxo de dúas vías municipais no Concello de Negueira de Muñiz, a través dun convenio de colaboración co propio consistorio, que conta cun orzamento conxunto de case 290.000 euros. Estas actuacións permitirán mellorar a estrada que conecta Negueira con Seira e tamén a que vai de Carballín a Bustelo.
As obras previstas inclúen a reapertura de cunetas e a pavimentación dos viarios con aglomerado en quente. O prazo de execución estimado é de dous meses.