Negueira de Muñiz destina 93.000 euros do Plan Único a melloras en camiños e núcleos rurais

O presidente da Deputación supervisou este mércores as melloras nos accesos ao núcleo de Pieiga así como nos pobos de Negueira de Ouviñao e Bustavelle
negueira de muñiz
24 Mar 2021

O presidente da Deputación, José Tomé, supervisou este mércores no concello de Negueira de Muñiz as melloras nos accesos ao núcleo de Pieiga así como nos pobos de Negueira de Ouviñao e Bustavelle que se levaron a cabo con fondos do Plan Único.

O camiño arranxado dá servizo á veciñanza de Pieiga, onde viven case unha decena de persoas. É a única vía de acceso ás casas e a unha pequena capela do lugar. O presidente provincial salientou a importancia destas melloras que, dixo, van en paralelo co traballo de reactivación da economía da provincia fronte á crise sanitaria provocada pola covid e que dotan á zona dunha infraestrutura "que nos meses de verán duplica o número de usuarios".

“Mellorando as comunicacións da provincia contribuímos a frear o despoboamento e favorecemos a promoción do territorio ligado ao turismo; esta é unha actuación pequena, pero supón unha mellora moi importante para o día a día da veciñanza e dos visitantes”, aprezou.

Tomé estivo acompañado na súa visita polo alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, e polos da Fonsagrada e Ribeira de Piquín, Carlos López e Roberto Fernández.

PLAN ÚNICO

O Concello de Negueira Muñiz recibiu máis de 192.000 euros do Plan Único de 2020. Desa cantidade, destinou máis de 93.000 euros a diferentes obras, entre elas a mellora da estrada de Negueira a Seira, o acondicionamento do camiño de Ernes, a mellora da pavimentación da vía en Barcela e a mellora do abastecemento de auga no Foxo.

A maiores, destina unha partida de 18.000 euros á construción dun almacén e oficina na nave municipal, ata 48.000 euros á creación de postos de traballo e máis de 19.300 para o coidado dos maiores a través do Servizo de Axuda no Fogar.

O goberno local de Negueira dispuxo ademais de 3.000 euros para medidas sociais e económicas co fin de paliar os efectos da covid, unha nova liña que o Goberno da Deputación incluíu no Plan Único para axudar aos concellos a facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

negueira muñiz presidente deputación
0.2145528793335