Convocan unha reunión informativa sobre a vespa velutina en Negueira de Muñiz

O concello de Negueira de Muñiz acollerá o vindeiro 24 de marzo ás 12:00 horas unha reunión informativa centrada na loita contra a Vespa velutina, unha especie invasora que continúa xerando preocupación no medio rural.
A sesión terá lugar no local social da localidade e servirá para ofrecer información á veciñanza sobre a presenza desta avespa asiática, así como sobre as medidas que se poden adoptar para contribuír ao seu control.
Durante o encontro tamén se presentará o inicio da campaña de trampeo no municipio, unha iniciativa que busca reducir a presenza desta especie a través da colocación de trampas en diferentes puntos do territorio.
Ademais, entre as persoas asistentes repartirase material específico para participar nesta campaña, co obxectivo de implicar á veciñanza na detección e captura da vespa velutina e reforzar así as accións de prevención e control desta praga.