Negueira de Muñiz proclamouse territorio libre de eólicos

Negueira de Muñiz se declaró territorio libre de eólicos con el fin de evitar los daños irreparables que causan este tipo de proyectos.
negueira de muniz
1 Feb 2022

O pasado 20 de decembro, no último pleno do ano, o concello de Negueira de Muñiz declarouse territorio libre de eólicos. No único punto do día, incluído a raíz da presentación dunha moción da Agrupación Municipal Negueira Viva, debateuse sobre o prexudicial que resultaría para o concello a implantación de explotacións eólicas debido ao gran valor ecolóxico e a fraxilidade ambiental da contorna.

A poboación agrupada en torno á Plataforma Stop Eólicos Negueira considera a decisión unha moi boa nova e espera que anime a outros concellos a facer o mesmo co fin de evitar os danos irreparables que causan este tipo de proxectos. Porén, a plataforma di ser consciente de que este é só un pequeno paso na dirección correcta e non se debe baixar a garda ante a ameaza dos plans das grandes corporacións do sector eléctrico en toda a contorna. De feito, xa existe unha ameaza real, pois hai proxectado un novo parque eólico na Serra de Liñares que contravén esta declaración.

O concello na súa totalidade pertence á Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e unha gran parte do territorio é Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e está protexido pola Rede Natura 2000, o que explica a traxedia que representaría a construción de enormes parques de eólicos e as súas correspondentes vías de evacuación. Ademais, o concello aínda conserva na súa memoria as nefastas consecuencias de ter sufrido outro espolio por parte da industria enerxética a mediados da década de 1950 coa construción do encoro de Grandas de Salime. Este encoro supuxo a expropiación das terras máis fértiles e pobos enteiros quedaron mergullados baixo as súas augas. Tamén, deixou ao concello dividido en dous e varias parroquias quedaron practicamente incomunicadas, condenando a unha das súas ribeiras ao seu case completo despoboamento.

A Plataforma Stop Eólicos Negueira recoñece a necesidade dunha transición enerxética pero oponse á que estea baseada nun modelo espoliador e depredador, no que non existe participación social nin garantías de protección medioambiental, e que se presenta de forma fraudulenta mediante proxectos fragmentados coa finalidade de ocultar o seu impacto real. A implantación deste tipo de explotacións eólicas suporía privar de futuro á poboación do concello, que está aumentando, rexuvenecendo e liderando proxectos innovadores respectuosos co medio.

0.12192821502686