Negueira de Muñiz será escenario dunha nova edición de ‘Ciencia na aldea’ centrada no papel da muller rural

O encontro reunirá especialistas internacionais para analizar a gandería de montaña, a transhumancia e o coñecemento científico ligado ao territorio
Presentación-Ciencia-na-Aldea-2026
10 Apr 2026

Negueira de Muñiz será escenario entre o 24 e o 26 de abril da quinta edición de Ciencia na aldea, unha cita que volverá converter Pena da Nogueira nun punto de encontro entre ciencia e rural. Nesta ocasión, o programa xirará arredor do papel da muller no ámbito agrario, a gandería de montaña e a transhumancia, coincidindo coa celebración en 2026 do Ano Internacional da Muller agricultora e dos pastizais e dos pastores.

O evento, organizado pola Asociación Corripa co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, reunirá divulgadores, naturalistas e investigadores procedentes de España, Portugal, Francia e Italia. Entre os participantes figuran profesionais vinculados a institucións como o CSIC, as universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Oviedo, así como entidades internacionais como o Conservatoire d’espaces naturels de Nouvelle-Aquitaine, o Centro de Interpretação da Serra da Estrela ou a Universidade de Coimbra.

Segundo explicou o vicepresidente da Asociación Corripa, Alberto Uría, o encontro busca achegar a ciencia ao territorio, reivindicando que unha parte fundamental do coñecemento xorde directamente da natureza e do medio rural.

Durante a presentación do programa, a deputada Iria Castro puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo do ano pola organización para consolidar unhas xornadas que cada edición incorporan novas perspectivas desde o ámbito científico e da innovación. Ademais, destacou o papel desta iniciativa á hora de romper estigmas e amosar o rural como un espazo dinámico no que se xeran ideas e se poden desenvolver proxectos de futuro, subliñando tamén a necesidade de garantir recursos e servizos que permitan fixar poboación e sosteñer a actividade produtiva.

O acto incluíu tamén dúas mesas redondas. Nunha delas participaron profesionais do sector agrogandeiro como Ana Álvarez e Fiamma Villagarcía, da Gandería Cabo Molmeán de Navia de Suarna, Xosé Luis Carrera, da Queixería Arqueixal, e José Manuel Santín, da Gandería Josmar de Baralla, que abordaron a relación entre a iniciativa e a realidade do sector. A segunda contou con investigadores que colaboran co ámbito agrogandeiro, como Martiño Cabana, da Asociación Galega da Custodia do Territorio, e docentes da Facultade de Veterinaria da USC.

A participación nas xornadas require inscrición previa debido á capacidade limitada do espazo no que se desenvolven, o Ecomuseo El País del Abeyeiro. O prazo para anotarse abrirá o venres 10 de abril ás 10.00 horas, e os formularios estarán dispoñibles na páxina web e nas redes sociais da Asociación Corripa.

0.078812122344971