Nenea celebra o seu aniversario cunha festa no bosque que une música, natureza e educación ao aire libre

LugoXa
O evento contará con música ao vivo, postos de artesanía, espectáculos de títeres, comida e actividades pensadas para persoas de todas as idades
Asociacion-Nenea-Lugo
5 Jun 2025

A Asociación Educativa Nenea, pioneira como primeira escola bosque de Galicia, celebra este sábado 7 de xuño a súa Festa de Aniversario cunha xornada chea de actividades no espazo natural onde desenvolven o seu proxecto educativo.

A partir das 12:00 horas, os bosques que acollen este modelo pedagóxico alternativo converteranse nun punto de encontro festivo para toda a comunidade.

O evento contará con música ao vivo, postos de artesanía, espectáculos de títeres, comida e actividades pensadas para persoas de todas as idades, nun ambiente lúdico, comunitario e en conexión coa natureza.

A proposta busca celebrar un ano máis deste proxecto pioneiro que se desenvolve desde Lugo, baseado na educación ao aire libre, o respecto á infancia e o vínculo profundo co territorio.

Desde a Asociación Nenea convidan aos medios a achegarse a esta celebración, que consideran unha oportunidade para visibilizar o seu traballo e dar a coñecer unha alternativa educativa centrada na liberdade, a creatividade e a aprendizaxe desde o contacto directo co medio natural.

“A nosa escola medra no bosque, coa vida, cos ritmos da natureza e coas necesidades reais da infancia”, explican desde a organización, que destaca o valor desta metodoloxía para o desenvolvemento integral dos nenos e nenas.

⚙ Configurar cookies
0.17832207679749