'Neno' foi a canción lírica gañadora do Concurso Manuel María de Composicións Musicais

LugoXa | TerraChaXa
Da autoría de Saúl Aguado de Aza, está composta sobre o poema homónimo de Manuel María
Concurso-Manuel-María-de-Composicións-Musicais-Outeiro-de-Rei
27 Out 2024

'Neno' foi a canción lírica, para voz e piano, gañadora da terceira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada cunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.

Da autoría de Saúl Aguado de Aza, está composta sobre o poema homónimo de Manuel María, e o autor levou un premio de mil euros en metálico. A súa composición editada, xunto as obras das outras finalistas, estará nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galicia para que poida ser empregado como material didáctico.

A gala-concerto contou coa presenza da mezzosoprano Nuria Lorenzo e a pianista Noemí Salomón, que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas 'O Carro de María Mendoza', 'Galiza' e 'Neno', de Saúl Aguado de Aza e Mito de Luis Serrapio Fernández.

Nunha segunda parte, presentaron en concerto unha serie cancións galegas dos compositores José Baldomir, Juan Durán e Carlos Cambeiro, baseadas en poemas de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Manoel Cambeiro.

O concurso contou cun salientable e prestixioso xurado composto por Margarita Viso Soto, Alejo Amoedo Portela e Julio Cabo Meseguer que, a primeiros do mes de xullo, escolleu, de entre todas as composicións anónimas que se presentaron a concurso, as cinco pezas finalistas que se puideron escoitar no auditorio da Casa-Museo Manuel María.

0.19524693489075