Nicolás González critica que o PP e VOX bloqueasen a participación de Plataforma Ulloa Viva no Parlamento Europeo

LugoXa
O político socialista acusou aos eurodeputados do PP de abrirlle as portas a Altri en Bruxelas
eurodeputado-socialista-Nicolás-González-Casares
28 Jan 2025

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, criticou ao Partido Popular por "aliarse coa extrema dereita" no Parlamento Europeo para impedir que se debata o proxecto de Altri na Comisión de Peticións da Eurocámara.

Así, os do PP e VOX bloquearon a posibilidade de que a plataforma Ulloa Viva presentase a súa iniciativa na Comisión, polo que González Casares lamentou o autoritarismo do PP, que, segundo o eurodeputado, busca “silenciar a voz da cidadanía galega no Parlamento Europeo”.

O político socialista acusou aos eurodeputados do PP de abrirlle as portas a Altri en Bruxelas, mentres lles pechaban as portas á cidadanía que se opón ao proxecto, e destacou que "entre defender intereses privados ou públicos, o PP nunca ten dúbida".

González Casares tamén cargou contra a xustificación dada pola dereita e ultradereita, que se escudaron nas respostas da Comisión Europea a varias preguntas parlamentarias para pechar o debate e arquivar a petición. O eurodeputado galego cualificou este argumento de "pobreza supina" e situou esta decisión no contexto do “negacionismo climático” e da ofensiva contra as políticas ambientais e de loita contra o cambio climático que, segundo el, está a dominar o PP en Galicia, España e Europa.

A pesar da decisión tomada no Parlamento Europeo, o eurodeputado galego comprometeuse a seguir vixiando o proxecto de Altri ante as institucións comunitarias e asegurou que non permitirá que se destinen fondos europeos a proxectos que non cumpran os principios comunitarios de respecto ambiental. “Galicia ten potencial para liderar e captar investimentos para un desenvolvemento industrial sostible. Ese é o modelo polo que apostamos os socialistas”, concluíu.

0.16985702514648