Nicolás Ravelli, da Asociación Rioplatenses: “A actividade cultural é fundamental e incluso catártica para a integración”

Jessica Fernández
Como valoran estes 18 anos de recorrido?
En primeiro lugar, positivo, porque manter unha asociación durante 18 anos e, sobre todo, unha como a nosa, na que hai poucos ingresos e moitos regresos no sentido de que o noso orzamento vaise á atención psicolóxica a calquera persoa migrante que se achegue, así como á atención legal, porque hoxe en día con tantos casos de migración isto transfórmase nun piar fundamental da nosa actividade, aínda que non sexa o obxectivo principal. Así, é unha necesidade imperiosa, porque hai moitos casos de migración. Pode haber un caso dunha migración planificada sen ser impulsada por unha necesidade económica ou unha cuestión social, senón por unha busca persoal, como foi o meu caso, pero hai un abano enorme de diferentes situacións. Despois, durante estes anos tamén estivemos fomentando a parte social e cultural que tamén é outro piar fundamental; estando pendentes de xerar espazos para que a xente teña un sitio de pertenza e onde coidar a cultura do seu país de orixe; así como fomentar a integración, xa que non queremos transformarnos nun gueto, senón nun foco de integración. Por iso, imos lanzar actividades dentro do proxecto ‘Dálle á lingua" para fomentar o uso do galego por parte da poboación migrante nun entorno de cotidianidade, que sexa un galego aplicado ás necesidades do día a día.
Para toda esa actividade contan con axudas?
Contamos con axudas das tres institucións, que aportan en aspectos diferentes, pero todos contribúen e agradecémosllo, xa que sen iso non poderiamos levar a cabo os nosos proxectos. O traballo sempre é deficitario porque a nosa actividade vai máis alá da subvención, pero sen iso sería inviable. Na directiva facemos temos un compromiso e un sentimento de aportar, pero hai cousas que hai que pagar.
Cales son entón as necesidades?
Necesitamos que todas estas axudas que imos tendo se incrementen, sobre todo os convenios coa Xunta, xa que sempre necesitamos máis. Polo que queremos seguir nesta liña de aumento de capital, porque, sobre todo, facemos ese traballo de contención psicolóxica cunha psicóloga, e tamén o asesoramento legal. Ademais, tamén actuamos como articuladores para derivar á xente que chega e non sabe a quen dirixirse, e mandámolos á oficina pública correspondente. En definitiva, é un traballo que conleva tempo e necesitamos máis diñeiro para levar a cabo esta actividade.
Por que é importante esa atención psicolóxica ao inmigrante?
É moi difícil sobrelevar o dó que supón abandonar o teu país, a túa xente, a túa cultura... incluso cando é unha decisión persoal na que buscas un crecemento vital, como foi o meu caso. Imaxínate se eu, que volvín a España por decisión propia e tiña a nacionalidade española desde os 6 anos, o pasei mal, como o pasa unha persoa que se ve obrigada a migrar, a deixar todo atrás. E, sobre todo, cando as expectativas coas que a xente emigra, como mellores posibilidades de vida, vense limitadas ou non chegan da maneira en que a xente se esperaba, e atópanse nunha situación na que están nun país que non é propio, no que non teñen a posibilidade de volver ao seu país porque os aforros que tiñan os gastaron, e todo ese esforzo que fixeron non redundou en mellor calidade de vida. Iso é moi duro, polo que moita xente cae en depresión e nós sostemos esas persoas cunha atención psicolóxica que lles ofrecemos a cambio dun copago de 5 euros simbólica.
Atenden a todas as persoas migrantes?
Si, atendemos a todos os migrantes. O nome da asociación ten que ver cos membros fundadores, que eran arxentinos e uruguaios, é algo nominativo, pero si que estamos abertos a recibir a calquera persoa migrante, incluso as que non son de Latinoamérica. Ademais, sempre que podemos publicamos ofertas laborais para axudar á xente.
Que máis actividades organizan?
Ademais da atención diaria, intentamos organizar actividades e promover o ámbito cultural da asociación, porque dentro desta inserción, a actividade cultural é fundamental e incluso catártica. Nós o que intentamos facer é, utilizando o propio local da asociación ou os espazos que nos cede a Área de Cultura do Concello de Lugo, xerar actividades de todo tipo, como proxeccións de cine, documentais, talleres, presentación de libros, concertos, baile, teatro… Todas as actividades que agora estamos programando conforme nos van xurdindo. Pero tamén estamos agora moi preto de lograr o que queremos, que é establecer un ciclo de actividades para que todos os meses haxa unha actividade. Ademais, cabe destacar que este ano tamén participamos xunto coa Asociación de Xóvenes Emigrantes Retornados en Galicia no certame ‘Cousas do Retorno’ xunto coa Rede Museística Provincial de Lugo. Para nós, isto é moi importante porque permite ofrecer uns espazos para que artistas migrantes poidan mostrar o seu traballo e integrarse, así como ofrecer á comunidade outras actividades para desfrutar no ámbito da cultura.