Ningún Aro Sen Rede inicia a súa cuarta tempada con actividades nos CEIP A Ponte e Nadela

A UNED de Lugo e a Fundación Breogán puxeron en marcha a 4ª tempada do proxecto “Ningún Aro Sen Rede”, correspondente ao curso 2025-2026, cunha primeira xornada de actividades celebrada nos CEIP A Ponte e CEIP Nadela. A iniciativa reafirma o seu compromiso coa educación ambiental a través do deporte, consolidándose como unha das accións máis destacadas da provincia en materia de reciclaxe e economía circular.
A xornada comezou no CEIP A Ponte, onde o alumnado puido achegarse ao espírito e ao funcionamento do proxecto mediante as intervencións de Luis Abel Taboada, director da Fundación Breogán; Ana Traseira, directora da UNED de Lugo; e Alejandro Rodríguez, biólogo ambiental do proxecto #LugoNaturalMente da UNED. Tamén participou Maximus Breo, embaixador da iniciativa, contribuíndo a transmitir ao estudantado a relevancia da reciclaxe e dos valores vinculados ao respecto polo medio ambiente.
Tras esta presentación, procedeuse á instalación das novas redes recicladas Ecoballution nas canastas do patio, un dos momentos máis esperados polos rapaces e rapazas. Foi o propio alumnado quen as estreiou participando no tradicional concurso de tiro, unha actividade que combina deporte, sustentabilidade e aprendizaxe práctica.
Nun ambiente participativo e dinámico, tivo lugar ademais un acto de entrega de agasallos: un Minimáximus para a persoa gañadora do concurso, unha bufanda oficial do CB Breogán para o segundo posto e lápices reciclados da UNED de Lugo xunto con adhesivos do León Reciclón para todas e todos os participantes.
A continuación, o equipo desprazouse ao CEIP Nadela, onde se repetiu a mesma dinámica e se volveu comprobar a forte implicación tanto do alumnado como do profesorado nun proxecto que promove hábitos responsables a través da actividade física.
Con este arranque de tempada, “Ningún Aro Sen Rede” afianza o seu papel como iniciativa esencial de sensibilización ambiental na provincia de Lugo, impulsando a reciclaxe, a economía circular e o coidado do planeta mediante propostas atractivas e participativas. A UNED de Lugo e a Fundación Breogán agradeceron a excelente acollida dos centros e a colaboración nesta nova edición.