Ningún Aro Sen Rede rematou a súa III edición achegándose aos colexios das Nogais e de Pedrafita

Ningún Aro Sen Rede rematou a súa III edición achegándose aos colexios CEIP As Nogais e CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro.
A primeira parada foi en As Nogais, onde os estudantes de Educación Primaria e Infantil asistiron á actividade, que foi impartida polo director da Fundación Breogán, Luis Abel, e o biólogo da UNED, Alejandro Rodríguez, en compañía da mascota do Club Baloncesto Breogán, Maximus.
A segunda parada foi no CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro, onde agardaba o alumnado de Educación Infantil, de Educación Primaria e da ESO. Durante o transcurso da actividade, Luis Abel e Alejandro Rodríguez expuxeron o obxectivo do proxecto, explicando o proceso de elaboración das redes de Ecoballution e a relevancia de promover a reciclaxe que facilite a xestión de residuos, así como un segundo uso dos mesmos. Logo dunha breve introdución teórica, comezou a parte lúdica da xornada, na que os estudantes e mestres participaron en competicións de baloncesto nas que obtiveron agasallos que manteñen a filosofía sostible do proxecto e que foron entregados polo club e pola universidade.
A iniciativa xorde da idea de lograr as sinerxías necesarias para proveer a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles por ser feitas a partir de residuos de redes de pesca e consistiu en exemplificar o concepto de economía circular, fomentando e difundindo algúns dos principios e valores recollidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Durante o desenvolvemento do proxecto, as entidades fundadoras, a UNED de Lugo, a Fundación Breogán e a empresa Ecoballution; fixeron visitas aos centros educativos para pór en marcha a actividade e animar ao alumnado a participar activamente no mesmo mediante a reciclaxe de material de escritura.
Tras o éxito acadado na presente edición, os organizadores de Ningún Aro Sen Rede planean desde xa a IV edición do proxecto.