“Ningún tocaramos antes, así que formar os Trastiños de Castelo foi unha experiencia incrible”

LugoXa
A formación, que naceu tras un curso impartido na parroquia, leva 14 anos apostando pola música tradicional con actuacións por Lugo e por distintos puntos da provincia
os-trastiños-de-castelo
8 Dec 2024

Lucía Blanco

Un curso de gaita na asociación de veciños da parroquia foi o xerme para Os Trastiños de Castelo, unha asociación e grupo de música tradicional lucense que aposta dende o seu comezo por tecer lazos na comunidade e poñer en valor a nosa cultura. “No 2010, despois de empezar a ensaiar, inauguramos o grupo. Estreámonos polo día de San Xoán porque os veciños faciamos as fogueiras e dende aquela aquí seguimos”, conta Toni.

Para eles a agrupación supuxo o seu primeiro contacto coa música. “Ningún tocaramos na vida, entón foi unha experiencia musical incrible. Eu tiven algo de relación porque cando era pequeno, en EGB tiña clases, pero para moitos outros compañeiros era todo novo”. Pero iso non os freou, os ensaios e as ganas de aprender xuntos servíronlles para consolidarse como formación. “Agora ensaiamos todos os xoves, pero houbo épocas nas que o facíamos dous días á semana porque estabamos máis verdes ou se xuntaban as actuacións. Parece que non pero un mes sen ensaiar nótase, pérdese o fío”. Actualmente xa son uns habituais en festas da cidade e tamén na provincia e forman parte do programa de datas tan sinaladas como o San Froilán.

“Dende que botamos creo que non faltamos ningún ano. Tamén adoitamos ir a todas as actuación que nos dá a Deputación, a todas as que podemos claro, porque como algúns traballamos igual pola semana xa temos que dicir que non”. Dende que comezaron o teléfono non parou de soar para estes músicos que acumulan decenas de concertos en citas como Feira de Artesanía do Incio, a Festa da Torta de Millo de Guitiriz, a do Pemento de Mougán de Guntín, o Festival As Nogais da asociación Abrente ou a Foliada de Orbazai. As patronais de Xermade, Castro de Rei, do barrio de San Lázaro en Lugo ou o seu propio acaban por completar algúns dos eventos que gardan na memoria.

“Sempre nos van chamando, aínda que temos que rexeitar algunhas da Deputación porque cadran en agosto e como o facemos dun xeito altruísta custa xuntarnos. Este ano por exemplo as de Castelo coincidíronnos con outra programada en Sober”. A acollida do público, aseguran, sempre deixa sempre moi bo sabor de boca. “Sobre todo cando tocamos pola cidade e polo centro, porque pola contorna non adoita xuntarse tanto público e involúcranse moito”. Dos 20 membros fundadores, agora tan só se manteñen unha decena, polo que están preocupados polo futuro do colectivo. “Sempre houbo altas e baixas, chegamos a quedar so 6. Intentamos darlle visibilidade ao grupo pero non hai relevo xeracional, todos temos dende os 45 para arriba, hai xubilados e outros que estamos a piques de xubilarnos”.

Por iso, animan a seguir continuando co seu legado sobre o que fan un balance máis que positivo. “Son moitas cousas e as experiencias que vivimos grazas ao grupo están aí. Para nós era todo novo: aprender música, actuar diante dun público e os nervios de cada cita”. Aínda que á marxe da súa traxectoria a nivel musical, quedan con todas as unións que crearon ao longo deste tempo. “Máis aló da experiencia como músicos, cando empezamos eramos veciños pero non nos coñecíamos e agora podemos dicir que mantemos unha amizade dende fai 14 anos xa”.

⚙ Configurar cookies
0.79639911651611