'Ningures' de Teatro ó cubo hoxe, 3 de xaneiro, no Gustavo Freire
O Gustavo Freire acollerá no día de hoxe, 3 de xaneiro, unha obra de teatro de carácter familiar para o desfrute de tódolos públicos.
A obra Ningures de Teatro ó cubo dará comezo ás 18.30 horas. As entradas poden adquirirse de balde a través da seguinte ligazón: https://www.entradaslugo.es/evento/familiar/ningures
A través do humor, a danza, a manipulación de obxectos e o teatro físico, Teatro Ó Cubo lanza a súa cuarta produción, marcada por unha nova estética e diálogo co público infantil e familiar. Unha peza que afonda nas metas e frustracións, nos propios retos, nos encontros e desencontros e nos medos que nos paralizan, poñendo en valor a amizade, o fracaso como parte do camiño e o respecto pola diversidade de cada quen. Unha viaxe pola vida mesma.
TEATRO Ó CUBO
É unha compañía de artes escénicas formada por Sofía Espiñeira e Roberto Casal. A súa formación afonda en diversas disciplinas escénicas. Co teatro como eixo común pasando pola danza, o circo, os monicreques e a música, estes dous artistas conforman unha compañía orixinal e sorprendente na que combinan múltiples disciplinas. Dende 2016 levan producindo pezas teatrais para o público infantil e familiar.
SINOPSE
Dúas formas de ver o mundo. Dúas maneiras de chegar a un lugar. Dous xeitos de comportarse e un obxectivo común: chegar a Ningures. Rita e Denís, viaxeiras profesionais incansables, cruzan os seus camiños no misterioso limiar das portas de Ningures, lugar ansiado por todos os viaxeiros. Mais as portas agochan moitos segredos. Serán quen de atravesalas? Conseguirán o seu propósito? Superarán este reto?