No paseo das Palabras do Ano da rúa Menorca loce xa 'comadre'

LugoXa
O Goberno de Lugo completa o paseo das Palabras do Ano da rúa Menorca coa instalación da Palabra do Ano 2022, comadre
instalacion palabra do ano comadre lugo
3 May 2023

O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto con Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e Manuel González, membro da Real Academia Galega, visitaron a rúa Menorca onde se vén de instalar a palabra Comadre, escollida como palabra do ano 2022.

Rubén Arroxo afirmou que "con esta iniciativa queremos seguir coa mellora da imaxe da cidade ao mesmo tempo que poñemos en valor un símbolo tan importante como a lingua galega". “Continuamos esta intervención artística que puxo en valor un símbolo tan importante como a lingua galega, e converteu á rúa Mallorca nun atractivo turístico máis de Lugo” dixo Rubén Arroxo que engaidiu "o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época".

“Desde as áreas de Cultura e Infraestruturas continuamos a facer das rúas da cidade lugares amables para pasear nos que ao mesmo tempo se pode descubrir a nosa cultura”, explicou o Tenente Alcalde.

A Palabra do Ano é escollida no Portal das Palabras cada ano. En 2012, a RAG e a Fundación Barrié, asinaron un convenio de colaboración en materia de lexicografía. Modernizar os sistemas de investigación, acometer novos traballos, elaborar aplicacións e promover o Portal das Palabras. Froito do anterior, elíxese a palabra do ano e conta con outras ferramentas como o Dicionario electrónico e a versión para móbiles e tablets.

Para a colocación das palabras utilizouse un material duradeiro e que permitirá unha boa e sinxela visibilidade do texto. Vai acompañando a cada verba o ano no que foi nomeada pola Real Academia, no Portal das Palabras, como palabra do ano.

Palabra do Ano

A escolla da palabra do ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a fundación Barrié. A iniciativa pretende que a veciñanza galega escolla cada decembro unha palabra en galego que defina o ano que remata, difundindo o léxico galego.

As palabras do ano escollidas até o de agora foron corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño, nós, Tanxugueiras e comadre.

Comadre

Comadre procede do latín tardío commāter, -tris onde xa indicaba unha relación de parentesco semellante e común para todos os romances de Occidente. O Dicionario da Real Academia Galega defínea así como “nai dunha persoa con relación ao padriño ou á madriña desta” ou a “madriña dunha persoa con relación ao padriño ou aos pais desta”. Mais na lingua familiar comadre tomou unha significación particular e compartida igualmente con outras linguas da contorna, a de veciña e amiga coa que se acaba por ter un trato de máis confianza que con calquera outra.

Esta acepción de veciña e amiga recollíaa xa Marcial Valladares na súa obra lexicográfica de 1884, puntualizando que pertencía á lingua familiar. Pero a mesma significación, con definicións máis ou menos enriquecidas, aparece tamén en distintos dicionarios actuais doutras linguas latinas como o portugués, o español, o italiano ou o francés.

A relación de confianza e intercambio entre mulleres que ilustra a voz comadre vén de vello. Ao longo da historia e nas diferentes culturas as mulleres quedaron relegadas ao fogar. Foron privadas de dereitos reservados aos homes e invisibilizadas nas súas achegas. Porén, foron quen de tecer redes de apoio mutuo, repartindo o traballo, compartindo preocupacións para facelas máis levadías, e tamén o lecer. Sendo entre si, en definitiva, auténticas comadres.

Esta relación de confianza feminina vese reflectida en certas celebracións tradicionais como o xoves de comadres do Entroido. Nesta xornada as mulleres reuníanse a celebrar entre elas, sen o escrutinio masculino. A súa orixe parece remontarse ás Matronalias romanas, festas en honor a Xuno Lucina nas que as mulleres casadas recibían agasallos e un trato preferente; e mesmo as escravas eran dispensadas das súas tarefas.

instalacion palabra do ano comadre1

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18668389320374