Noemí Vázquez, da Asociación Río Miño: “Somos un piar fundamental no eido cultural de Portomarín”

LugoXa
Noemí Vázquez Viña, presidenta de Asociación Cultural Río Miño de Portomarín, destaca a dinamización do colectivo, xunto con outras asociacións, no municipio
Asociación-río-Miño-Portomarín
23 Mar 2025

Jessica Fernández

Fálenos dos comezos da Asociación Cultural Río Miño de Portomarín.

É unha asociación que se creou en 1988, aínda que se orixinou antes, porque a xente quedaba para facer pequenas xuntanzas para difundir a música e a danza galega; pero como asociación xorde nese ano. A principal motivación é crear e manter viva, a través da música e a danza, a nosa cultura e tradición. Todas as asociacións culturais temos ese obxectivo: que a cultura non se perda.

Que valores e obxectivos promove?

Un dos nosos valores é o compañeirismo, xa que somos unha asociación de 56 integrantes, que para ser en Portomarín está moi ben, entón, sobre todo, o obxectivo é crear interese pola nosa cultura en toda a xente e concretamente nos nenos e nenas, que son o futuro para poder seguir mantendo isto, e que sexan conscientes da importancia da nosa cultura; é dicir, que non se perda nin quede no esquecemento. Outro obxectivo é facer un intercambio de coñecemento entre os nosos integrantes, xa que temos socios desde os 4 ata os 90 anos, fomentando así a interxeracionalidade e que sexa un grupo unido: somos todos un. Dos valores, tamén destacamos o respecto, a disciplina, o amor e a paixón pola nosa cultura, a danza e o folclore. Finalmente, outro obxectivo primordial é achegar a cultura a toda a xente de Portomarín e doutros lugares onde imos, así como transmitila aos peregrinos que pasan por esta etapa do Camiño, polo que a difusión da nosa cultura é o obxectivo.

Como é acollida da por parte dos peregrinos desa transmisión da nosa cultura?

Os peregrinos desfrutan. Nós temos actuacións formais, nas que imos vestidos co traxe ou coa camiseta da asociación, e intentamos interactuar con eles. Ademais, cando facemos foliada, animamos aos peregrinos a que se unan e ensinámoslle como se fai, polo que nos gravan e aprenden de nós, gústalles moito.

Durante un ano natural que actividades adoitan facer?

Temos actividades lúdicas e outras máis culturais. As lúdicas teñen o obxectivo de promover a convivencia de todos os integrantes do grupo e mellorar o ambiente, polo que facemos saídas entre nós. Con respecto ás culturais, temos clases de baile e de música tradicional, tanto de gaita e percusión, como de canto, no noso local. Ademais, organizamos saídas a festas patronais, participamos na Festa da Augardente de Portomarín, estivemos na Cabalgata de Reis, todos os domingos de agosto hai domingos folclóricos e nós participamos en dous deles, recuperamos a saída do Maio, na que unha persoa vai dentro da estrutura de xestas e flores mentres cantamos pola rúa;  cada ano organizamos unha foliada e tamén os cantos de taberna en xuño... E tamén facemos tamén actividades con outras asociacións, como o Festival de Nadal, no que participamos coa ANPA e unha coral. Despois de todo iso, en verán saímos amenizar algunha sesión vermú ou procesión.

De que maneira dinamizan a vida cultural de Portomarín?

Eu creo que agora mesmo somos un piar fundamental do eido cultural de Portomarín e oxalá sempre siga así e non se perda. E non só somos nós; nós incentivamos esa colaboración co resto de asociacións e é importante que se manteñan vivas porque, se non, é un pobo fantasma no inverno. Na nosa asociación, ademais, ao ter unha historia de tantos anos, pasaron moitas persoas por aquí, polo que creo que a asociación é importante para todo o mundo da vila, xa que, dunha maneira ou doutra, formaron parte dela. Eu, por exemplo, levo desde os 5 anos e nunca pensei que sería a presidenta, pero o que facemos é algo que une á vila e a asociación forma parte do noso carné de identidade, porque todo o mundo ten una unión con ela.

Ademais da colaboración con outros colectivos, contan con axuda das institucións?

Si, colabora con nós o Concello de Portomarín e a Deputación de Lugo. Formamos parte de Tradigalu e desde a Deputación adherímonos a actividades como a Rede de Circuítos de Teatro, pedimos a visita da apalpadora... Somos unha entidade sen ánimo de lucro e necesitamos axudas para desenvolver as nosas actividades. Por exemplo, hai dous anos conseguimos unha subvención dos fondos Next Generation, coa que puidemos desenvolver un proxecto de dinamización polas parroquias de Portomarín todos os domingos do inverno. Foi todo un reto, pero foi moi gratificante porque achegámonos a parroquias onde había anos que non se facía festa e puidemos sivagar a música por todos os lugares, non quedarnos só na capitalidade do municipio, co que tamén puideron coñecernos.

Hai, entón, algunha necesidade?

Como somos unha asociación pequena, necesitamos recursos económicos para adquirir algún obxecto, como colares, pendentes, etc. para os traxes; ou algunha prenda de roupa. Tamén axudas para poder mercar algún instrumento, xa que moita xente non se pode permitir ter un propio. E logo, máis que unha necesidade, é unha denuncia, xa que segue a haber o estigma de ver o tradicional como algo sen interese, polo que moitos nenos déixannos na adolescencia, e logo hai algúns que volven e outros que non. Cremos que é importante transmitir a cultura como algo interesante e bonito desde a sociedade e desde as institucións, xa que, como está aí, crese que non hai que facer nada, e temos que mantelo nós. E outra necesidade que temos é ter máis rapaces, homes, xa que o 80 % dos integrantes da asociación son mulleres. Existe o estereotipo de que os homes non poden ir bailar, é algo que se ve, hai moitas máis mulleres que homes no mundo da danza, e nós queremos que se animen a participar.

Como ve o futuro da asociación?

O principal é que isto siga medrando en membros, porque cantos máis sexamos, mellor, e que se manteña canto máis se poida no tempo para que todo o mundo poida desfrutar do traballo que facemos na asociación. Ademais, queremos promover que os nenos manteñan ese interese por manter todo isto e formar parte da asociación, que teñan o seu corazón aquí.

⚙ Configurar cookies
0.45762395858765