O Concello de Lugo ampliará o paso subterráneo da N-VI
O Concello de Lugo licitará nos vindeiros días as obras para a renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a estrada N-VI, co obxecto de mellorar as condicións deste itinerario peonil, que será apto tamén para o uso de bicicletas.
A alcaldesa, Lara Méndez, confirmou que na próxima xunta de goberno local se aprobará destinar 1,1 millóns de euros para levar a cabo estes traballos. As obras, que terán un prazo de execución de 5 meses, contemplan a demolición do actual paso inferior, de formigón, e a execución dunha nova estrutura de paso, cun gálibo horizontal e vertical máis amplos, o que diminuirá o efecto túnel e farao moito máis agradable e seguro para o usuario. De feito, dobrarase a anchura, ao pasar dos 4,5 metros actuais a 8, mentras que a altura será máis do dobre, pasando dos 2 metros actuais (nos extremos) a 5,3 metros.
A rexedora socialista explicou que, con este proxecto, “seguimos avanzando no noso modelo de cidade verde, apostando por unha transición ecolóxica cara a unha nova mobilidade baixa en emisións, coa que contribuír ao coidado e protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, unha realidade que nos atinxe a todos e desde a que estamos a traballar desde o Concello con diversas estratexias e de xeito transversal desde todas as áreas municipais”.
Ao mesmo tempo, engade Méndez, "buscamos que Lugo deixe de vivir de costas ao Miño, mellorando as conexións coa contorna fluvial e reducindo a dependencia do automóbil, ben sexa coa renovación de itinerarios, como neste caso, ou coa creación de novos accesos como a construción da pasarela peonil, cuxas obras xa se atopan en marcha”.
DESVÍO PROVISIONAL
Para non interromper o tráfico, de xeito previo ao inicio dos traballos o Concello prevé habilitar un desvío provisional da N-VI. O desvío realizarase pola marxe esquerda da estrada, sentido A Coruña, e manterase "entre 2 e 3 meses".
Unha vez liberado o espazo e trala demolición do actual paso subterráneo, levarase a cabo a execución da nova estrutura. Logo repoñerase a iluminación e servizos na N-VI e tamén se reporá o valado, coa mesma tipoloxía de peche que o existente. Finalmente procederase á reapertura ao tráfico na zona.
SENDA PEONIL
Tal e como explicou a alcaldesa de Lugo, este proxecto contempla tamén a adecuación "da senda peonil que conecta a explanada situada ao norte da N-VI ata o hostal San Lázaro, con unión a Calzada da Ponte, un itinerario xa existente que, polas súas características actuais, resulta incómodo para os viandantes, especialmente na época de inverno ao formarse charcos e zonas de barro".
Para evitar ese problema e "mellorar a comodidade dos usuarios", o Concello procederá á súa pavimentación mediante unha capa de zahorra de 20 centímetros, sobre a que se executará unha capa de 5 centímetros de pavimento drenante, "adecuado ao tráfico peonil e ciclista, e aceptando o uso ocasional de vehículos". Este pavimento terá acabado en cor ocre ou terra.
O paseo peonil, de 335 metros de lonxitude, terá dous metros de ancho e na zona do terraplén da N-VI contará con murete de 0,5 metros de ancho na marxe dereita, revestido en pedra natural para asúa integración na contorna, para colocación da iluminación e sostemento de terras.
A renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cuxo principal obxectivo é, segundo lembrou Lara Méndez, "integrar o Miño na cidade, a través da zona do Carme e conseguir, deste xeito, unha cidade máis verde, sostible e moderna".