Nova actuación de alumeado na zona centro da cidade de Lugo
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou unha nova actuación dentro do plan de renovación da rede de alumeado público, na que o Goberno de Lugo investiu nos últimos anos preto de 3 millóns de euros en total. Alexandre Penas anunciou a continuación deste plan en tres zonas do centro, abarcando as rúas San Pedro e Nóreas, ademáis da praza do Cantiño.
“Substituiremos 24 luminarias nesta zona por lámpadas LED de consumos entre 46 e 58 W”, declarou o edil de Infraestruturas, que engadiu “a instalación actual desta zona está formada por luminarias altos consumos enerxéticos e materiais contamninantes, que serán eliminados para continuar avanzando nunha cidade máis ecolóxica e con mellor eficiencia enerxética”.
Alexandre Penas, que engadiu "isto permitirá, ademais de aforrar no gasto realizado polo concello en enerxía eléctrica, mellorar a seguridade das veciñas e veciños, aplicando tamén a perspectiva de xénero e reducir as emisións de CO2 á atmosfera producidas polo concello de Lugo". En total, a concellería de Infraestruturas Urbanas investirá 7.607,16€ na execución destes traballos.