Nova directiva de Cántigas e Frores: “Aproveitaremos o traballo feito e seguiremos dándolle pulo”

LugoXa
A Asociación Cántigas e Frores conta cunha nova directiva despois de 20 anos sen cambios, formada por 11 persoas, entre as que destaca o seu presidente, Anxo Vilabrille
reunión-Cántigas-e-Frores-co-Concello-de-Lugo
2 Feb 2025

Jessica Fernández

Como asume a nova directiva esta nova etapa en Cántigas e Frores?

Asumimos esta etapa con ilusión e algo de medo, pero esperamos que vaia todo ben. A nosa intención é facer as cousas o mellor posible polo ben da asociación e de todos os membros. Chegou un momento no que as cousas tiñan que cambiar, xa que a directiva que había levaba 20 anos nos cargos e a xente estaba cansada dese traballo e había que renovar. É normal dar un paso ao lado e ten que vir un relevo.

Seguirán a mesma liña de traballo que a anterior directiva?

Si, seguiremos a mesma liña de traballo que a anterior directiva e manteremos o que eles fixeron ao longo de 20 anos, xa que se fixeron moitas cousas ben pola asociación.

Queremos aproveitar todo ese traballo feito polo anterior equipo e seguir dándolle pulo. Ademais, haberá que modificar cousas, xa que os tempos son distintos e as cousas cambian, polo que é necesario adaptarse aos tempos e ás necesidades da asociación e ás dos membros das escolas. Así, manteremos actividades como a Feira do 48, as Escolas na Rúa, as actividades que facemos no San Froilán, etc. pero dándolle un pequeno retoque.

Por outro lado, a Asociación Cultural conta con diferentes escolas de baile, de percusión, de gaita, cantareiras e cantareiros, escolas infantís de baile e de percusión, escola de acordeón... temos profesorado de todo tipo.

Dos máis de 300 socios, a meirande parte están tamén nas escolas e iso é imporante porque temos canteira. Por iso, o noso plan de futuro é seguir como ata o de agora, podendo cambiar algún horario ou algún detalle que nos comenten os nosos socios, pero enfocados en manter á xente con nós.

Os valores, mudan ou mantéñense?

Os valores da asociación van continuar sendo os mesmos, porque o principal é que o colectivo siga sendo sen ánimo de lucro, así como que o obxectivo é defender e difundir a tradición da cultura galega, xa que para nós é un piar básico. O que queremos cambiar é que as cousas funcionen en forma de grupo, xa que a nosa directiva levará a cabo un labor que será máis de traballo grupal.

Por iso, formamos unha directiva de 11 persoas para traballar en equipo da mellor forma posible, no que está o presidente, que son eu; hai dúas secretarías, con María del Pilar Cabello e Saleta Pastor; un tesoureiro, Pablo Fernández; un director artístico, Borja Marrondo; unha persoa encargada de Patrimonio, Lucía Piñeiro; e 5 vogais, Talía López, Álvaro López, Antón Méndez, Lucía Arias e Thania Rodríguez.

Cales son os proxectos que porán en marcha no futuro próximo?

O primeiro que queremos mellorar son as redes sociais, xa que un obxectivo desta nova directiva é mellorar a visibilidade da asociación nas redes sociais. Isto vén derivado dos tempos nos que vivimos, no que as redes sociais teñen peso, e nós necesitamos facernos ver, polo que cada actividade ou proxecto hai que anuncialo nelas.

Por outro lado, levamos catro anos dando un premio a distintas persoas ou agrupacións que teñan unha relevancia no mundo da cultura tradicional; por exemplo, o ano pasado démolo a Fuxan os Ventos, pero quedou un pouco difuso, entón este ano estamos traballando na elaboración dun premio máis consistente e estamos en contacto con artesáns para crear unha peza que simbolice o premio para asentalo no futuro como o Premio Cántigas e Frores na Cultura Tradicional.

Algunha actividade que teñan en mente programar para este ano 2025?

Desde Cántigas e Frores participaremos en diferentes actos a nivel municipal, como O Entroido, a Semana Santa, etc. E tamén desenvolveremos diferentes actuacións que vaian xurdindo ao longo do ano, dando visibilidade ás escolas. Seguiremos levando por Lugo o evento Cántigas na rúa, organizaremos o Curso de Cultura Tradicional Cántigas e Frores e promoveremos unha actuación no Auditorio Fuxan os Ventos, coa entrega de premio Cántigas e Frores de Cultura Tradicional.

Ademais, proporemos obradoiros de distinta índole (vestiario, confección de indumentaria tradicional, etc), así como organizaremos, un ano máis, a Feira do 48, o Festival das escolas de Cántigas e Frores, o Festival de San Froilán de Cultura tradicional, o San Froilán Miúdo e o Magosto.

Cántigas e Frores ten necesidades?

Unha das nosas necesidades básicas é conseguir facer un inventario de todos instrumentos e bibliografía que temos, porque é moita e queremos arquivala e difundila para facer unha especie de biblioteca para que as persoas que estean interesadas en ter acceso a ese coñecemento, poidan facelo. Temos un fondo de libros que nos doan outras asociacións, como un fondo de partituras, e temos historia da asociación en recortes de xornal; está todo gardado, pero non está ao día. A directiva anterior traballou niso, pero queremos actualizalo.

Por outra parte, a nivel de instalacións somos uns privilexiados, porque contamos con locais cedidos polo Concello que anualmente renovamos a cesión, e a asociación leva moitos anos con ese método de prestación de local, pero son antigas e necesitarían reformas. Por exemplo, as ventás non pechan ben e en inverno algúns pasan frío. Esas pequenas reformas son necesarias, porque pasan moitas persoas semanalmente por estas instalacións e o uso e o desgaste é importante. Pero estamos en contacto coas administracións para solucionar eses problemas. Ademais, tamén pensamos na adquisición de instrumentos porque non todo o mundo pode mercar un instrumento, polo que nos gustaría actualizar o noso fondo de instrumentos.

Con todo, nós coas administracións temos boa relación; incluso esta tempada falamos coa Área de Cultura da Deputación de Lugo e coa mesma Área do Concello de Lugo porque dependemos das axudas, xa que a cota dos socios e o diñeiro que xestionamos coas escolas é importante, pero afrontar economicamente todas as actividades que facemos é un desembolso importante.

0.094029903411865