Nova edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
O Maratón Fotográfico do Campus de Lugo chegará este mes a súa vixésima sétima edición, que se desenvolverá ao longo da xornada do domingo 14 de novembro. As persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa artística, aberta á participación de maiores de 18 anos e dotada con 900 euros en premios para as tres imaxes máis valoradas por parte do xurado, poden formalizar a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es ata as 13.00 horas do venres 12 de novembro. Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 511.
A nova convocatoria do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, impulsada pola USC, Deputación de Lugo e Concello de Lugo ao abeiro do convenio Lugo Cultural, ofreceu aos afeccionados ao sétimo un prazo de 24 horas ininterrompidas para a toma de imaxes coas que concorran a concurso, tanto na modalidade libre como na temática proposta polo xurado e que se fará pública o 14 de novembro na xuntanza informativa prevista ás 9.00 horas na Casa do Saber. As fotografías teñen que ser inéditas e deben achegarse antes das 10.30 horas do 15 de novembro ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es.
O XXVII Maratón Fotográfico do Campus desenvolverase exclusivamente en modalidade dixital, segundo se recolle nas súas bases, e as persoas participantes poderán presentar unha fotografía a cor ou en branco e negro na categoría de modalidade libre ou na corresponde á temática proposta pola organización. Todas as imaxes presentadas a concurso deben ir acompañadas dun título ou frase cunha extensión máxima de 20 palabras.
PREMIOS
O XXVII Maratón Fotográfico do Campus contempla tres galardóns para as imaxes máis valoradas polo xurado, que outorgará o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros, trofeo e diploma, á mellor fotografía desta edición do certame. O Premio Eduardo Ochoa, dotado con 300 euros, trofeo e diploma, distinguirá a mellor fotografía do tema proposto pola organización, mentres que a imaxe máis valorada polo xurado das presentadas na modalidade de tema libre recibirá unha gratificación en metálico de 250 euros, ademais de trofeo e diploma. Asemade, todas as persoas que tomen parte nesta iniciativa artística recibirán cadanseu diploma.
O fallo do xurado, cuxa composición será determinada polos organizadores, será inapelable e farase público o 10 de decembro na Biblioteca Provincial de Lugo, no marco da sesión inaugural da exposición do XXVII Maratón Fotográfica do Campus, unha exposición integrada polas 18 imaxes máis valoradas polo xurado e que permanecerá aberta ao público ata o 31 de xaneiro de 2022.