Nova edición das Bolsas ao Talento Deportivo do Concello de Lugo

LugoXa
A área de Deportes convocará nos vindeiros días unha nova edición das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo.
deportistas lucenses gala
28 Sep 2021

A área de Deportes convocará nos vindeiros días unha nova edición das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo. Unha iniciativa coa que o Concello pretende recoñecer “non só o esforzo e a valía das e dos nosos deportistas máis novos, senón tamén proxectar a mensaxe de superación que eles e elas transmiten á sociedade”, sinalan.

Anunciaron que o vindeiro mércores a Xunta de Goberno aprobará a consignación dunha partida de 23.795 euros cos que se sufragarán estas achegas dirixidas a fomentar a práctica da actividade física e lembrou que, este pasado verán, o Concello deu un paso máis aló coa organización da I Gala aos Talentos Deportivos para enxalzar o mérito destes mozos e mozas.

Embaixadores da cidade, alí por onde pasan, que contribúen a poñer tamén de manifesto o bo facer das escolas de base e aos que, dende as Administracións, non podemos senón apoiar – sabedores, ademais, dos sacrificios que fan as súas familias - como mostra do noso compromiso coas novas xeracións e para posibilitar que poidan cumprir os seus soños sen afastarse da casa”, engadin dende a área de Deportes.

Poderán concorrer a estas subvencións todas as rapazas e rapaces que naceran entre os anos 2002 e 2007 – e sen límite de idade para o/as deportistas con discapacidade – que, estando federados o ano pasado, destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como nacional.

O obxectivo é impulsar a práctica e mellorar o rendemento deportivo da mocidade lucense nas súas respectivas modalidades competitivas, para o que resulta fundamental que poidan contar cunha cobertura económica axeitada que, entre outros gastos, atenda aos derivados do necesario reforzo académico que precisan.

O concelleiro de Deportes referiu tamén que as bases destas bolsas terán en conta os méritos acadados en campionatos de España (do 1º ao 8º posto) e de Galicia (do 1º ao 3º posto).

O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días hábiles, contados dende o seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e poderán entregalas, xunto co resto da documentación que se require, no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou ben empregando os medios que establece a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O Concello de Lugo entrega as axudas ao Talento Deportivo Individual desde o ano 2008 co fin de apoiar a promoción, práctica e mellora do seu rendemento, para o que se valora tamén o seu esforzo académico. Desde a súa creación, foron receptores e receptoras das mesmas preto de 600 deportistas.

0.14194011688232