Nova licitación para o Centro de Día Novo Antonio Gandoi que disporá de 613.000 euros anuais

LugoXa
Nueva licitación para el Centro de Día Novo Antonio Gandoy que dispondrá de un presupuesto de más de 600.000 euros anuales.
xantar fogar maiores
23 Feb 2022

O Centro de Día ‘Novo Antonio Gandoi’ disporá dun orzamento anual de 613.000 euros (un 37’47% máis que na actualidade, 446.362 euros) para afrontar a súa xestión.

A Xunta de Goberno Local autorizará hoxe a súa adxudicación á empresa Alalás durante dous anos, aínda que o contrato poderá prorrogarse por outros tres en períodos anuais, o que eleva o investimento municipal até os 3 millóns de euros.

No servizo, dirixido á poboación maior, terán prioridade aquelas persoas que, polas súas eivas físicas ou mentais, socioeconómicas ou familiares, teñan reducida a súa autonomía para as actividades básicas e/ou instrumentais da vida diaria.

O obxectivo é ofrecer un ambiente protector e familiar, que saiba previr e cubrir necesidades de atención básica e garantirlles a mellor calidade de vida posible ás e aos maiores, así como evitar a institucionalización a través da coordinación óptima entre todos os recursos asistenciais, logo de que a situación de pandemia vivida obrigara a reformular o servizo.

Os novos pregos da prestación á realidade social e ás demandas da veciñanza foron adaptadas para seguir un modelo de Atención Xerontolóxica Centrada na Persoa; unha asistencia que asume, como punto de partida, que as persoas maiores en situación de fraxilidade ou dependencia, como seres humanos que son, merecen ser tratadas con igual consideración e respecto que calquera outra, desde o recoñecemento de que todas e todos temos igual dignidade.

A xestión concretarase na estancia diurna e tamén no transporte, incluída a zona rural, xestionando un total de 50 prazas.

Con este incremento nos orzamentos búscase ser o centro de referencia para as usuarias e usuarios, co fin de axudar ás familias nas tarefas do seu coidado, potenciando, optimizando e coordinando os servizos de atención da rede comunitaria, que ten como prioridade facilitar a permanencia dos maiores no propio domicilio ou contorna social, ao mesmo tempo que se mantén e melloran o seu nivel de saúde, contribuíndo a que recuperen o maior grao de autonomía posible, previndo o seu deterioro mediante programas xerais e específicos de tipo terapéuticos, ocupacionais, rehabilitativos e recreativos.

Unha das principais prioridades do programa é estimular a participación do colectivo en actividades individuais e grupais, en función das súas capacidades psicofísicas para evitar, así, a pasividade e o illamento.

Nesa estratexia de atención xerontolóxica centrada nas persoas adquire unha especial relevancia o módulo específico de socialización e participación no que figura a creación de grupos de diálogo e fomento das relacións interpersoais, o encontro con outros colectivos e a planificación de actividades comúns, así como a celebración de festas, aniversarios, a organización de xogos, a realización de audicións musicais, o visionado de películas e mesmo a formación de grupos de lectura e actividades creativas como exposicións fotográficas, obradoiros de debuxo, pintura, manualidades ou talleres de estimulación cognitiva e animación.

As melloras do contrato reverterán na integración social e na prevención da exclusión.

Unha das principais melloras que incorpora o novo contrato é a realización de até 10 saídas anuais ao exterior.

Á natureza, culturais, termais, a desenvolver na provincia e zonas limítrofes dentro da xornada de atención diurna que se dispensa. Trátase de viaxes que xa inclúen posibles tarifas de entrada, no seu caso, transporte, comida e merenda así como o resto de gastos e que serán, para as e os beneficiarios, totalmente gratuítas.

A responsable de área explicou tamén que outra das novidades que se introduciu nas bases foi a elaboración dun estudo sobre a realidade da contorna na que se intervén.

Un análise que busca coñecer máis á poboación á que vai dirixida o recurso do Centro de Día e as súas necesidades reais, actuais e futuras, para mellorar a calidade da atención, promovendo a innovación, a revisión e actualización das formas de intervención co obxecto de ser máis eficientes.

A empresa adxudicataria deberá realizar, igualmente, un proxecto piloto de intervención coas persoas maiores usuarias ou potenciais usuarias do Centro de Día que viven en situación de soidade non desexada nos seus domicilios e que sexa de carácter gratuito, que terá a vocación de servir de apoio a todas estas persoas na xestión de recursos e nas relacións coas administracións e outras entidades sociais, fomentando hábitos saudables e, sobre todo, a interacción social cos seus coetaneos.

Un traballo que inclúe o acompañamento a diferentes organismos, ao médico, así como saídas e paseos terapéuticos no exterior, apoio psicolóxico, de estimulación cognitiva, animación sociocultural e/ou terapia ocupacional e que dará continuidade e complementará o labor desenvolvido durante a pandemia.

Prioridades nas cláusulas administrativas: a estabilidade laboral do persoal e a dotación tanto de medios materiais como de efectivos.

Entre os aspectos técnicos da licitación, se inclúe a incorporación dun mínimo de tres vehículos, dous deles, alomenos, adaptados para prestar o servizo de transporte no que, ademais da persoa condutora, figurará un acompañante para a axuda na mobilidade das persoas usuarias.

Igualmente, co fin de manter a estabilidade do persoal no emprego, este será subrogado nos dereitos e deberes que tivera recoñecidos a entidade que presta actualmente o Servizo no centro.

Entre outras esixencias, requiriuse tamén favorecer a permanencia dos/as traballadores/as, para os efectos de garantir a continuidade da prestación e evitar a súa rotación, así como flexibilidade para abordar situacións imprevistas tales como necesidades sobrevidas polo peche doutros recursos, catástrofes naturais ou crises sanitarias ou epidemiolóxicas.

Ademais, a empresa terá que elaborar diferentes protocolos de actuación nos que se aborden tanto un posible traslado urxente a centro hospitalario, como a previsión de fugas, posibles emerxencias sanitarias e demais situacións de urxencia, casos de malos tratos e mesmo pautas de prevención para COVID 19 acordes a normativa vixente.

0.18903493881226