Nova polémica entre Xunta e Concello de Lugo pola promoción do Arde Lucus en Fitur

LugoXa
O Concello impediu viaxar a Madrid a membros das asociacións mentres os populares afirman que a festa é “patrimonio de todos”
arde_lucus_2024
15 Jan 2025

O enfrontamento entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo intensificouse tras a decisión do goberno autonómico de levar a Fitur un grupo de asociacións vinculadas ao Arde Lucus sen contar co visto e prace do executivo municipal.

O Concello de Lugo, a través dun comunicado, solicitou a ditas asociacións que non acudisen ao evento promocional organizado pola Xunta. Desde o goberno local lémbrase que o Arde Lucus é unha festa “municipal, creada e organizada pola concellería de Xuventude do Concello de Lugo”, e que calquera acción promocional relacionada coa mesma debería realizarse en coordinación coa administración local.

No comunicado, o Concello agradece o traballo e a implicación das asociacións históricas que forman parte do Arde Lucus, pero considera que a Xunta actuou “de costas” ao consistorio ao organizar un evento paralelo. Ademais, critica que esta acción autonómica supón “unha falta de respecto á potestade das entidades locais para decidir como se promocionan os seus recursos turísticos”.

O goberno local tamén subliña que en 2024 o custo total do Arde Lucus ascendeu a 633.311 euros, dos cales a Xunta achegou unicamente 40.000 euros, é dicir, o 6,31%. Por iso, instan ao goberno autonómico a “incrementar a súa colaboración oficial, se así o desexa”.

Pola súa banda, o Partido Popular defendeu a iniciativa da Xunta, asegurando que o obxectivo era levar as tropas do Arde Lucus a desfilar en Madrid e participar en Fitur, o que cualifican como “unha gran oportunidade para promocionar a festa e a cidade”. Desde o PP acusan o Concello de “sectarismo político” por ter cancelado unha proposta que, na súa opinión, tería beneficiado a Lugo.

Javier Vázquez, concelleiro popular, lamenta o que considera un ataque contra a Xunta, cuestionando se o Concello actuaría do mesmo xeito se a proposta viñese do Ministerio ou da Deputación. Asegura que “esta festa non é patrimonio de ningún partido político, é de todos, e parece que o Concello quere apropiarse dela”.

Na mesma liña, Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo, lembrou que foron as propias asociacións as que solicitaron apoio para asistir a Fitur. “Nós buscamos a forma de levalas porque cremos que Fitur é un escaparate estupendo, con repercusión positiva para a festa, a cidade e a provincia”.

Así, a polémica entre ambas administracións enmárcase nunha loita de acusacións mutuas sobre lealdade institucional e a xestión do Arde Lucus, deixando unha vez máis a festa no centro do debate político.

0.13710308074951