Nova senda peonil na estrada entre Carballido e Manzoi
A estrada autonómica LU-530 que coincide co Camiño Primitivo entre os núcleos de Carballido e Manzoi, no concello de Lugo contará cunha nova senda peonil de 1,3 quilómetros na que está traballando a Conselleria de Infraestuturas e Mobilidade.
Estas obras contan cun investimento de 185.000 euros co fin de reforzar a seguridade nesta zona na que conflúe o tránsito rodado co peonil.
O novo itinerario execútase na marxe esquerda da estrada, entre os pq 6+800 e 8+100. O trazado deseñouse por fóra da plataforma da vía, agás nun punto no que non é posible – do pq 6+800 ao 6+900 -, e no que discorrerá paralela á calzada pola cuneta actual.
A senda será de saburra estabilizada con cemento e para salvar o rego de Carballido contará cunha pasarela de madeira que xa está a ser instalada. Tamén está previsto reforzar a sinalización.
Deste xeito mellórase a seguridade para os peregrinos e veciños que atravesen a pé esta zona da LU-530, a estrada que comunica Lugo coa Fonsagrada xa que ata o de agora a vía carecía dunha superficie específica para o tránsito dos peóns, o que os obrigaba a circular pola beiravía da marxe dereita e a cruzar a calzada en dúas ocasións.
A Xunta ten en marcha novas actuacións de mellora de seguridade na rede viaria de titularidade autonómica no ámbito dos Camiños de Santiago en Galicia, que no conxunto da Comunidade supoñen un investimento de 1,8 M€. No tocante á provincia de Lugo, hai programadas este ano 23 intervencións que se atopan en diferentes fases de execución: oito no Camiño Primitivo, sete no de Inverno, seis no Francés e dous no Norte.