Nova tractorada en Lugo contra as políticas europeas: "Están afogando ao sector primario"
O sector gandeiro de Lugo organizou este martes unha tractorada, que se concentrou no polígono das Gándaras, para sumarse ás protestas contra as políticas da Unión Europea que afectan directamente á súa actividade profesional. Detrás da concentración non se atopa ningunha organización concreta, senón que se trata dun movemento organizado a través de WhatsApp e das redes sociais.
A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla quixo sumarse ás protestas organizadas en toda España por produtores que esixen cambios na Política Agrícola Común e nas normativas europeas que están "afogando ao sector primario". Socios do colectivo desprazáronseeste martes nos seus tractores desde distintos puntos da provincia ata a cidade de Lugo para facer escoitar a súa voz e "secundar o clamor dos agricultores e gandeiros de toda Europa contra as políticas que se aproban en Bruxelas", explicou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.
Barreiro participou na caravana de tractores que partiu do municipio da Pastoriza e coa que se opoñen ás normativas de Bruxelas e que despois "o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia aplican supoñen máis traballo e máis gasto para as explotacións". O presidente de Agromuralla acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de "lexislar en contra do sector".
Excesiva burocracia
As protestas, que toman o relevo das levadas a cabo nas semanas anteriores en países como Francia ou Alemaña, buscan "que se flexibilicen as trabas que nos poñen para a produción de alimentos", porque aseguran que só queren que lles deixen productir. Para o colectivo o sector primario en Europa comparte problemas como son "unha excesiva burocratización e a falla de garantías dun prezo xusto para os alimentos que producimos".
En relación ás novas peticións en materia de medio ambiente da UE, explicitada en documentos como o Pacto Verde Europeo, Pérez Barreiro insistiu en que "os produtores somos os primeiros que queremos coidar o medio ambiente e, de feito, os agricultores e gandeiros somos os verdadeiros xestores do territorio e os que coidamos da natureza". Porén esas políticas verdes "non poden supoñer ir en contra da seguridade alimentaria da poboación".
Competir en igualdade de condicións
Puxo como exemplo a nova PAC, na que se obriga a deixar unha porcentaxe das terras sen producir para fomentar a biodiversidade. "E logo as explotacións vémonos obrigadas a mercar o cereal ou a soia para alimentar ao noso gando en terceiros países fóra da UE que non cumpren coas condicións en materia de produtos fitosanitarios nin as mesmas condicións de produción que temos aquí", denunciou.
Ademais, entre as peticións recollidas no manifesto que engloba ás protestas en toda España está precisamente a de "competir en igualdade de condicións" tanto dentro da UE como en relación a terceiros países. O presidente de Agromuralla pide ao Goberno español que vete nos órganos comunitarios onde ten representación a sinatura do Tratado de Libre Comercio cos países do Mercosur, xa que "que vai inundar de carne de vacún os mercados europeos tirando os prezos da que se produce aquí".
A mesma opinión lle merece o acordo comercial con Nova Zelandia, "que poderá enviar os seus excedentes leiteiros a Europa acelerando o peche de explotacións lácteas en numerosos países, entre eles en España". O presidente de Agromuralla acusou aos sindicatos agrarios maioritarios de "pasividade" ante a situación que está a atravesar o sector, demandando eleccións inmediatas no campo, onde levan "camiño de 20 anos sen eleccións para que os produtores poidamos elexir aos nosos representantes", denunciou. Deste xeito, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asociación Agraria de Galicia ultiman protestas, pero desenvolveranse tras as eleccións do día 18 de febreiro.