Nova xeración de titulados nos ciclos do Centro de Formación Audiovisual da Deputación

LugoXa
O Presidente da Deputación entrega os diplomas da 18ª promocióndo Centro de Formación Audiovisual Provincial
Centro Formacion Audiovisual Deputacion
17 Xuño 2022

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, entregou este xoves os diplomas aos titulados da 18ª promoción dos ciclos de Realización e Produción do Centro de Formación Audiovisual da institución provincial. Un total de 21 alumnos e alumnas puxeron fin á súa formación coa Gala de Graduación, que tivo lugar nos xardíns do Centro. No acto de entrega tamén participaron os Deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Participación Cidadá, Roberto García Pernas.

A Gala, que contou coa presenza de familiares e amigos do alumnado, volveu celebrarse logo da paréntese de dous anos por mor da pandemia, xa que o pasado curso só se organizou unha entrega de diplomas pechada ao público. O Presidente dixo que a celebración de hoxe “é dobre. Por unha banda, festexamos a culminación do paso desta nova graduación pola nosa escola e, por outra, celebramos a volta á normalidade que tanto desexamos todos”.

José Tomé destacou “a aposta da Deputación por un ensino público e de calidade, o que implica un importante esforzo económico. Para que o noso alumando saía ao mundo laboral cunha boa preparación, destinamos 1,5 millóns de euros ao Servizo de Audiovisuais”. Neste senso, o Presidente avanzou que “o curso que vén manteremos a matrícula gratuíta, porque na Deputación cremos que o ensino público, universal e de calidade é unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado”.

O Presidente valorou que este curso fose posible retomar as prácticas en escenarios reais, “un dos sinais de identidade do modelo formativo que temos implantado nesta escola” porque “é a mellor maneira de que os alumnos saian preparados para o mundo laboral que lles agarda fóra, e de enfrontarse ás situacións e problemas que xorden en tempo real en calquera proxecto audiovisual”. Como exemplos, puxo a retransmisión en directo do Campionato Internacional de Baristas celebrado en Foz e a propia Gala de Graduación de hoxe.

Ademais de investir para formar aos mellores profesionais, destacou o mandatario provincial, “dende a Deputación tamén apoiamos directamente á industria audiovisual, lucense e galega, porque é unha vía moi importante para a promoción da provincia, porque crea riqueza e emprego, e tamén porque queremos abrir oportunidades para que os nosos titulados e tituladas poidan traballar na súa profesión e desenvolver o seu talento aquí, na súa terra”.

Este apoio da Deputación ao sector audiovisual materialízase en accións concretas, como, por exemplo foi, lembrou o Presidente, a colaboración coa nova película do lucense Dani de la Torre, Live is life, que se está proxectando na actualidade nas pantallas de cine de toda España e que ten a Ribeira Sacra como un dos principais escenarios de rodaxe. Este traballo “é a mellor proba do talento que hai na nosa provincia e de que, desde Lugo, tamén se pode liderar ou traballar en grandes iniciativas audiovisuais”.

0.13632702827454