Nova xornada sobre a conservación dos bosques maduros

LugoXa
Será impartida polo Distrito Forestal IX-Lugo Sarria. Terá lugar o vindeiro martes 23 de novembro no edificio administrativo da Xunta.
bosque carballos
21 Nov 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto desenvolver no edificio administrativo da Xunta en Lugo unha xornada sobre os bosques maduros o vindeiro martes 23 de novembro. Impartida polo Distrito Forestal IX-Lugo Sarria, está programada en horario de 16,00 a 21,00 horas.

A formación parte da premisa de que os bosques primarios (aqueles que evolucionaron sen intervención humana) son na actualidade escasos, aínda que de xeito local aínda poden atoparse bosques ou rodais cunha certa madurez e cunha baixa pegada antrópica no que a extracción de produtos se refire. Así, búscase abordar a identificación, estudo e protección destes bosques maduros tendo en conta a súa biodiversidade e as políticas máis axeitadas para a súa conservación.

Nesa liña, darase a coñecer o proxecto LIFE RedBosques e diferentes estudos realizados ao respecto. Ademais das características dos bosques maduros, abordaranse nocións sobre os seus beneficios ecolóxicos, paisaxísticos e económicos, sobre o seu valor de cara á conservación e sobre a xestión da madurez forestal.

Cómpre apuntar que esta acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

0.15872097015381