Novas Xeracións de Galicia do PP levou ao Campus de Lugo unha campaña
Novas Xeracións de Galicia do PP levou ao Campus de Lugo unha campaña coa que está a achegarse a todos os campus universitarios de Galicia para “achegar a nosa organización á xente nova, estar preto, informar e tamén escoitar as súas demandas”.
Membros da organización político-xuvenil do PPdeG, encabezados pola súa presidenta, a lucense Nicole Grueira, e a secretaria xeral de NNXX da provincia de Lugo, Cristina Fernández, desenvolveron un reparto informativo para dar a coñecer medidas promovidas polo Executivo galego como as matrículas universitarias gratuítas, a conxelación das taxas de máster, o Bono Deporte para todos os mozos federados de ata 16 anos, as axudas para a obtención do carné de conducir ou programas como Xuventude Mentoring ou o Carné Xove.
Grueira salienta o obxectivo de “ser útiles para a mocidade” trasladando as demandas da xente nova ás diferentes administracións para que cheguen a materializarse en “medidas reais e efectivas como as que promove o Goberno de Alfonso Rueda” que “tamén ten moi en conta á mocidade no proxecto de orzamentos da Xunta para o 2025”.
A presidenta da formación destacou que, dentro do obxectivo de duplicar o parque público de vivenda na presente lexislatura, “o Goberno galego reserva ata o 25 % das vivendas en venda e o 40% das de alugueiro para facilitar o acceso á vivenda da mocidade”.
O proxecto de Orzamentos da Xunta para a vindeira anualidade 2025 tamén incorpora o novo Bono Emancípate, que pretende facilitar que a xuventude galega poida emanciparse e independizarse a través dunha axuda para cubrir os primeiros gastos que xera a posta en marcha dun fogar propio, como o mobiliario ou a mudanza.
Nicole Grueira puxo en valor que “o Goberno autonómico teña en conta a realidade dos mozos e mozas galegas e habilite fórmulas para facer fronte aos retos que se lle presentan na actualidade á xente nova”.