Novas Xeracións de Lugo recolle xoguetes novos en colaboración con Cruz Vermella

Novas Xeracións da cidade de Lugo pon en marcha unha nova campaña de recollida solidaria de xoguetes novos este Nadal en colaboración coa Cruz Vermella de Lugo co obxectivo de “garantir que todos os nenos e nenas poidan vivir unhas festas cheas de ilusión”.
O presidente da formación político-xuvenil na cidade, Santi Amedo, e a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, participaron na presentación da campaña xunto ao presidente de Cruz Vermella Lugo, Luis Abelleira.
Despois do éxito da pasada campaña coa que conseguiron máis de 200 xoguetes novos, volven impulsar unha campaña para “achegar, nun momento complicado, algún sorriso e felicidade ás familias que máis o precisan”. Este ano agardan “superar a recollida do ano pasado que permita que máis familias desfruten destes agasallos”.
Amedo e Grueira convidan aos lucenses a participar nesta recollida solidaria para a que poden depositar as súas propostas dende o luns 9 ao venres 19 de decembro en horario de luns a venres de 09:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas na sede do Partido Popular, na rúa Poeta Cabanillas número 14.
A responsable da agrupación xuvenil do PP en Galicia, Nicole Grueira, defende que “esta campaña é un reflexo do noso compromiso coa solidariedade, que xa amosamos recentemente coa recollida de alimentos para axudar ás persoas afectadas pola DINA en Valencia. Unha vez máis, reafirmamos que sempre estaremos ao lado de quen máis o precise, traballando con responsabilidade e achegando o noso gran de area para mellorar as súas vidas”.