Novo alumeado no aparcadoiro municipal da rúa Río Sil en Lugo
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestructuras Urbanas, Alexandre Penas, visitaron, xunto co presidente da Asociación Veciñal Barrio de Paradai, o aparcadoiro municipal da rúa Río Sil, no que se vén de instalar novo alumeado público. “Trátase dunha solicitude da veciñanza da zona, necesaria para mellorar a seguridade nesta instalación municipal, que é moi utilizada polas veciñas e veciños da zona e por moita xente que escolle este lugar para deixar o coche e achegarse ao centro”, explicou Rubén Arroxo.
Instaláronse luminarias LED, que permiten cumprir cos requisitos de luminosidade para alumeado exterior cun baixo consumo eléctrico.
Rubén Arroxo lembrou que "no último ano e medio realizamos un investimento de 2.450.000€ adicado á renovación do alumeado público da cidade, substituíndo elementos contaminantes utilizados nas instalacións antigas, como luminarias de vapor de mercurio, por luminarias LED de baixo consumo enerxético".
Alexandre Penas, como responsable da Área de Infraestructuras, lembrou as intervencións que se realizaron nos últimos meses no barrio, fundamentalmente e arranxo de rúas e beirarrúas “fixemos un investimento importante e seguiremos, na medida en que se poida, acometendo intervencións que nos solicitan dende a Asociación Barrio de Paradai”, explicou o edil. Penas lembrou que se fixeron 6 pasos de peóns elevados, deuse solución no cruce da rúa Río Sil coa rúa Conde; amañáronse varias beirarrúas e colocáronse barandas en 2 zonas do barrio, por petición da asociación veciñal.