Novo alumeado público na rúa Soto Freire en Lugo

LugoXa
Rubén Arroxo anunciou a entrada en funcionamento do novo alumeado público da rúa Soto Freire, próxima á estación de buses.
farolas led alumeado
6 Ago 2021

Rubén Arroxo anunciou a entrada en funcionamento do novo alumeado público da rúa Soto Freire, na zona próxima á estación de autobuses. Arroxo afirmou que “esta zona contaba ata o de agora con pouca iluminación, e con esta actuación seguimos a mellorar a seguridade das veciñas e veciños, aplicando a perspectiva de xénero”.

A área de Mobilidade e Infraestruturas colocou novas luminarias de 48 LEDs, de 74 W, que permiten cumprir cos requisitos de luminosidade para alumeado exterior cun baixo consumo eléctrico. En total, investíronse 17.716,09 euros nesta intervención. Rubén Arroxo afirmou que “seguimos mellorando a rede de alumeado público tratando tamén de reducir o gasto na factura da luz do Concello”.

Nos últimos dous anos a área de Infraestruturas renovou o alumeado en máis de 10 zonas da cidade, instalando novas luminarias en rúas como a avenida Filharmónica Lucense, que non contaba con alumeado público, e reducindo a cantidade de luminarias con elementos contaminantes, como o vapor de sodio ou de mercurio instaladas na cidade. Desde a área de Infraestruturas continúase a investir na renovación da rede de alumeado, con distintos proxectos postos en funcionamento por toda a cidade, como a renovación do alumeado de Montirón, en proceso de contratación ou a renovación do barrio da Residencia e o grupo da Paz, que está próximo a comezar.

0.18341898918152