Novo concerto este sábado dentro do programa da Filarmónica

LugoXa
Este sábado, 2 de decembro, a Sociedade Filarmónica de Lugo continuará coa súa tempada de concertos número 77; tempadas que veñen sucedendo de forma ininterrompida dende o ano 1947, alcanzando xa máis de 720 concertos cos máis recoñecidos músicos e agrupacións de todo o mundo.
concerto banda filarmonica lugo portada
30 Nov 2023

Este sábado, 2 de decembro, a Sociedade Filarmónica de Lugo continuará coa súa tempada de concertos número 77; tempadas que veñen sucedendo de forma ininterrompida dende o ano 1947, alcanzando xa máis de 720 concertos cos máis recoñecidos músicos e agrupacións de todo o mundo. Trece concertos programados de outubro a maio con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila que traerán á nosa cidade a mellor música.

Abriuse a tempada coa Real Filharmonía de Galicia, dirixida pola portuguesa Joana Carneiro, e nesta ocasión será a vez da Banda Filharmónica de Lugo, dirixiada por Iván Martínez Sabio no concerto do seu décimo aniversario. Todos os concertos do ciclo serán no Círculo das Artes de Lugo ás 20:00 h.

As persoas interesadas en adquirir o abono de tempada ou facerse socias da Sociedad Filarmónica pódeno facer escribindo ao correo electrónico filarmonicadelugo@gmail.com. As entradas para non socios, para os concertos soltos, poderanse adquirir o mesmo día da actuación nas oficinas do Círculo das Artes. Tamén haberá entradas para estudantes a prezo moi reducido e entrada de balde para menores de idade e estudantes do Conservatorio.

OS ARTISTAS

A BANDA FILHARMÓNICA DE LUGO

Créase  no 2013 por iniciativa do seu director Iván Martínez Sabio e outros músicos da cidade e co apoio da Sociedad Filarmónica de Lugo e o Conservatorio Profesional Xoán Montes. Ao longo destes 10 anos alternou unha programación anual ordinaria na cidade con concertos en diversas localidades de España e Portugal, a agrupación foi dirixida por directores invitados, realizou cursos de dirección e gravou un disco. Antes da pandemia contaba coa Banda Infantil/Xuvenil, Coro de Nenos e organizaba un Obradoiro Musical para rapaces todos os veráns (actividades que pretende retomar proximamente). Na actualidade ten a súa sede nas instalacións da Casa de Exercicios que xentilmente cede o Bispado de Lugo.

IVÁN MARTÍNEZ SABIO

Naceu en Ortigueira (A Coruña) en 1981. Comezou os seus estudos musicais de clarinete e piano no seo da Banda-Escola do pobo e na academia Maruxa Lema. Os estudos medios realizounos no Conservatorio de Viveiro con F. Javier Vidal Suárez (clarinete) e Eloisa Pérez Lage (piano). Os estudos superiores cursounos no Conservatorio Superior da Coruña con Carlos Casadó (clarinete) e Natalia Lamas, Elena Segura e Ana Poghosian (piano). Posteriormente realizou un máster en interpretación e análise na Universidade de Oviedo con Javier Balaguer (clarinete) e Ramón Sobrino (análise). Tamén se formou na dirección musical con J. R. Pascual Vilaplana. Ao longo destes anos asistiu a clases con grandes intérpretes de piano, clarinete, música de cámara e dirección e realizou concertos como solista e como director en varios países. Dende o 2009 é profesor de clarinete no Conservatorio Profesional de Lugo e dirixe dende a súa fundación a Banda Filharmónica. No ano 2021 publicou a revisión para banda da obra Fantasía Sobre Aires Gallegos de Juan Montes.

concerto banda filarmonica lugo
0.16608881950378