Novo curso sobre o cultivo do castiñeiro como especie melífera en Becerreá

LugoXa
Celebrarase o vindeiro mércores, 24 de novembro, no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal en horario de mañá.
centro formación experimentacion agroforestal becerrea
22 Nov 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá un curso sobre o cultivo do castiñeiro como especie melífera. Celebrarase o vindeiro mércores, 24 de novembro, en horario de mañá, de 9,00 a 14,00 horas.

A finalidade deste curso é fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas, garantindo unha xestión sustentable dos recursos naturais. Tamén se busca fomentar a transferencia de coñecementos e innovación neste sector e impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que sexan viables economicamente.

Para iso, o curso versará sobre a aptitude do castiñeiro como especie melífera, abordando a súa plantación, a recolleita, a conservación e a utilización da castaña. Así mesmo, tamén se dará conta dos tipos de follas dos castiñeiros, as variedades melíferas e as híbridas, así como as cepas nais e as variedades autóctonas.

Dita xornada formativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

0.19310212135315