Novo espectáculo familiar no programa Lugo, Capital da Cultura
A zona fluvial de Lugo acolle hoxe, mércores, a partir das 18:00 horas, un espectáculo de títeres enmarcado na programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. A actuación familiar, baixo o título Marionetas musicais, está a cargo de Rui Sousa.
Esta aventura musical leva ao público a viaxar dun lado a outro do mundo sen saber onde se atopa. Do jazz á samba, pasando do soul á música popular doutros países cos seguintes monicreques artistas, entre outros, Charlie, o saxofonista estadounidense; o señor Quim, o acordeonista portugués; Célia Cruz, cantante cubana; Carlão e Beleza, os pasistas de Samba; Zafirah, a bailarina como Arabias, e Mc Finn, o violinista irlandés
O executivo municipal promove este mes de agosto concertos en directo e espectáculos circenses todas as tardes dos mércores e xoves no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Deste xeito, os mércores o circo é o protagonista en diversas prazas e zonas da capital; mentres que os xoves o barrio da Chanca acolle música en vivo de diferentes artistas galegos e portugueses.
Todas as citas son totalmente gratuítas e abertas ao público. “Queremos ofrecer a lucenses e visitantes unha oferta lúdica e de lecer ampla e variada neste verán, ao tempo que achegamos toda a riqueza cultural de Galicia e Portugal”, lembrou Lara Méndez, quen apuntou que “este ano conmemoramos o 150 aniversario da construción do viaduto da Chanca e que mellor forma de facelo que concentrando neste barrio boa parte das actividades para convidar á cidadanía a visitalo, tendo como reclamo o atractivo destas actuacións”.
Toda a información sobre o calendario de actividades de agosto e o resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, como datas ou horarios, pode atoparse na páxina web.