Novo éxito dunha actividade enmarcada no programa Hortos Saudables de Lugo

O Mercado Municipal de Lugo foi o escenario da presentación da actividade 'Bailando coa Terra: Sementando Pasos, Colleitanto Tango', unha iniciativa enmarcada no programa Hortos Saudables que organiza a Deputación de Lugo para promover o benestar e a sustentabilidade entre a veciñanza.
En concreto, participarán neste curso gratuíto preto de 30 persoas e desenvolverase cada venres a partir do 7 de febreiro e ata o 27 de xuño no Mercado Municipal de Lugo.
As actividades, que se levarán a cabo todos os venres ata o 27 de xuño, continuarán o vindeiro 15 de febreiro cun obradoiro de arte floral; o 22 de febreiro realizarse un curso de competencias con motoserra para principiantes; e o 6 e o 13 de marzo terá lugar unha iniciativa de maquillaxe saudable.
A iniciativa combina formación en agricultura ecolóxica cun espazo para o baile, lembrando a historia de Leocadia e Xavier, dous emigrantes retornados da Arxentina que sempre celebraban o seu gusto polo tango na horta.
Cristina López, concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, destacou "a importancia desta iniciativa para fomentar hábitos saudables e promover a convivencia a través da danza e a agricultura ecolóxica".
Durante a súa intervención, a concelleira subliñou que "continuamos a promocionar a Praza e o Mercado para facilitar que toda a veciñanza poida coñecer os produtos de primeira calidade que se comercian nestas instalacións, ademais de ofrecer a posibilidade de empregar cada un dos seus espazos para actividades que axuden a dinamizalas".
A proposta é de carácter gratuíto e contará cun servizo de conciliación familiar, garantindo que as familias poidan participar sen dificultades.
As persoas interesadas en participar poden obter máis información e inscribirse a través do correo electrónico hortosdorato@gmail.com ou chamando aos teléfonos 607 720 032 e 609 812 887.