Novo paso de cara a apertura da residencia de Pedrafita, prevista para a primavera
A xunta de goberno da Deputación deu luz verde este venres á aceptación do edificio destinado a albergar o Centro de Atención a Maiores (CAM) de Pedrafita do Cebreiro, un novo paso administrativo de cara á súa apertura, prevista para a primavera.
Como resultado do convenio de colaboración asinado entre o ente provincial e o Concello de Pedrafita para a creación do CAM, o pleno da corporación local acordara ceder de xeito gratuíto o inmoble de titularidade municipal situado na Praza de España para albergar a residencia.
A Deputación rematou o pasado mes de marzo de equipar o inmoble, cun investimento de preto de 275.000 euros. A previsión da institución provincial é abrir o centro a vindeira primavera, con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día.