Novos descontos no prezo do bus urbano e transbordos gratuítos

LugoXa
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo bonificará o prezo do bus urbano utilizando a tarxeta cidadá.
Ruben Arroxo bus urbano
14 sep 2022

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo bonificará o prezo do bus urbano utilizando a tarxeta cidadá. Arroxo explicou que “con esta medida continuamos a promocionar o bus urbano de Lugo, o transporte público máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato do estado”. A Xunta de Goberno vén de aprobar a solicitude ao Ministerio de Mobilidade, para que o transporte público do Concello de Lugo poida acollerse ás bonificacións aprobadas ata final de ano.

As novas bonificacións do 30% no billete, aplicaranse a partir do 22 de setembro, e durarán ata o 31 de decembro. As persoas que durante este período utilicen o bus urbano pagando coa tarxeta cidadá, poderán viaxar en bus por só 31 céntimos, mentres que o billete bonificado (mocidade, estudantes, persoas desempregadas, pensionistas e minusválidas) custará 21 céntimos, sendo gratuítos todos os transbordos.

Os descontos só se aplicarán utilizando a Tarxeta Cidadá, un dos requerimentos do estado para acceder á bonificación do 30%. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

0.19229102134705