Novos paneis no barrio da Chanca potencian o atractivo turístico da zona
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou o barrio da Chanca, onde se veñen de instalar unha serie de paneis que recompilan lendas tradicionais sobre a vida do barrio e sobre a cultura do mesmo. Na visita, os edís estiveron acompañados por Antonio Reigosa e Noemí López, que traballaron na realización dos paneis, e con guías turísticas que desenvolven a súa actividade na zona de Lugo, para mostrarlles a nova acción do Goberno de Lugo.
Maite Ferreiro explicou que “queremos potenciar o atractivo turístico desta zona da cidade, que conta cunha longa historia e cun gran potencial, de maneira similar a como fixemos no barrio da Ponte nos pasados meses”, e destacou “a gran calidade das ilustracións de Noemí López e o destacable traballo de Antonio Reigosa no eido da investigación da mitoloxía popular e da tradición oral”.
Maite Ferreiro afirmou que “continuamos desde a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua a mellorar a imaxe da cidade e a achegar ás veciñas e veciños e a todas as persoas que se acheguen a historia dos distintos barrios, a través de imaxes dunha alta calidade artística”.