Novos traballos de roza na Volta da Viña en Lugo
A área de Medio Ambiente procedía no día de onte a acondicionar a Volta da Viña, dentro do programa de roza anual municipal.
As tarefas, que se executaron na zona do Mirador, comezaban a primeira hora da xornada, aproveitando a menor afluencia de tráfico rodado co fin de diminuír as molestias á veciñanza.
“Os traballos consistiron na retirada da maleza da ladeira e tamén na limpeza da terra acumulada pola escorrentía nas canaletas da beiravía”, explica o edil e tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, quen tamén deu conta da composición do dispositivo “no que participaron tres operarios con desbrozadora de man, un tractor, unha cisterna de baldeo mixto e unha barredora ademais dun camión para o traslado dos refugallos recollidos”.
A actuación enmárcase dentro da programación anual de roza do Concello para manter limpos os distintos barrios do municipio.
Un mantemento que se leva a cabo de luns a sábado e no que ademais do labor programado se atende ás demandas que a veciñanza canaliza a través do servizo de Medio Ambiente.