O 010 amplía o seu servizo de atención á veciñanza e incorpora WhatsApp

O servizo de atención á veciñanza do Concello de Lugo, o 010, acaba de ampliar as súas vías de contacto, permitindo agora a recepción de incidencias a través de WhatsApp.
Esta nova funcionalidade chega coincidindo co 20 aniversario da posta en marcha do servizo e intégrase nas novas tecnoloxías para mellorar a comunicación cos lucenses.
Así o anunciou a edil de Participación, Cristina López, quen destacou que "con esta ampliación, facemos que a veciñanza poida comunicarse de xeito máis áxil e directo, sen necesidade de realizar chamadas telefónicas".
O número habilitado para o novo servizo de WhatsApp é o 618 345 010. A partir de agora, as persoas cidadás poden enviar mensaxes a este número para comunicar incidencias ou problemas de maneira rápida e sen custos adicionais.
Cristina López tamén aproveitou a ocasión para subliñar o esforzo realizado polo Goberno de Lugo no pasado mandato para municipalizar este servizo, garantindo que a atención sexa prestada por traballadoras municipais. "Esta medida foi fundamental para mellorar a calidade do servizo ofrecido, asegurando que as persoas lucenses reciban unha atención directa e personalizada", afirmou López.
O servizo 010 segue sendo unha ferramenta clave para a cidadanía, permitindo acceder a información sobre trámites municipais, actividades, eventos e servizos diversos. Tamén facilita a realización de trámites en liña, como a solicitude de cita previa para diferentes departamentos do Concello, incluíndo Augas, Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería.
Ademais, o servizo 010 segue estando dispoñible a través do número de teléfono 982 297 350, o que permite eliminar os custos asociados a chamadas a números especiais. "Este servizo segue a ser a ferramenta máis importante do Concello para abrir as nosas instalacións á veciñanza e garantir que os trámites sexan máis sinxelos e accesibles para todas as persoas", concluíu Cristina López.