O 20 de xuño remata o prazo para o pago do IBI en Lugo

LugoXa
A área de Gobernanza do Concello de Lugo lembra que o período de pagamento voluntario do IBI remata o próximo 20 de xuño
PAula Alvarellos
10 Xuño 2022

O Concello de Lugo lembra á cidadanía que o luns, día 20 de xuño, rematará o período voluntario para o pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Así, todos aqueles veciños que non teñan domiciliado o recibo deste imposto, poderán abonalo dentro do pazo establecido.

Neste 2022 a Administración local xirará un total de 107.019 recibos – 92.176 correspondentes a bens de natureza urbana, e 14.843 de natureza rústica – cuxo importe ascende a 22.100.169 euros e e 125.162 euros, respectivamente; e que o Executivo de Lara Méndez destinará, xunto ao resto de tributos e taxas municipais, a sufragar os diferentes servizos públicos que presta ao conxunto da veciñanza.

A concelleira convidou ás e aos contribuíntes a consultar as bonificacións á Ordenanza, entre as que se inclúe un desconto do 50%, durante tres anos, para as vivendas que, sendo residencia habitual, instalen paneis solares.

“Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto, durante 3 anos, aqueles inmobles nos que estean ubicadas unicamente construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades económicas agrarias ou gandeiras, pertencentes ao sector primario, que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal polo Pleno, por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento de emprego, que xustifiquen tal declaración”, abondou.

Alvarellos Fondo animou, igualmente, á poboación a domiciliar os tributos municipais a través da sede electrónica, “dunha maneira que resulta moito máis áxil e sinxela e que permite simplificar o abono das taxas e tributos locais, en tanto non require da aportación de documentación e permite efectivizar o pagamento con maior inmediatez, evitando recargas non desexadas”,incidiu.

A tenenta de alcaldesa deu conta de que o único requisito imprescindible para empregar este sistema é estar en posesión de certificado dixital e que, para que a domiciliación surta efecto, esta debe realizarse con dous meses de antelación ao inicio do período voluntario de pago, “coa vantaxe engadida de que quen teña o recibo domiciliado pode fraccionar o seu pagamento en dúas veces sen custo engadido”, sinalou.

0.14424085617065