O 22 remata o prazo do concurso de grupos musicais da USC

LugoXa
A primeira edición do Certame de grupos musicais da USC xa está en marcha para fomentar e darlle visibilidade á actividade artística e creativa orixinal, no ámbito da música moderna, da comunidade universitaria da Universidade de Santiago de Compostela e especialmente do seu estudantado.
4 Xan 2024

A primeira edición do Certame de grupos musicais da USC xa está en marcha para fomentar e darlle visibilidade á actividade artística e creativa orixinal, no ámbito da música moderna, da comunidade universitaria da Universidade de Santiago de Compostela e especialmente do seu estudantado. Ata o 22 de xaneiro poderanse presentar candidaturas de maneira individual ou como grupo, formado por un mínimo de dous membros da comunidade universitaria ou tres para grupos de cinco ou máis compoñentes. Outorgaranse tres premios dotados de 800, 450 e 250 euros, respectivamente.

Nas solicitudes presentaranse temas de música moderna orixinais e non premiados con anterioridade. Cada participante ou grupo poderá presentar unicamente unha solicitude e unha proposta musical. Tampouco pode tomar parte nesta convocatoria quen teña editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e que careza de respaldo discográfico na actualidade. As candidaturas deben presentarse a través do rexistro electrónico da USC.

As solicitudes pasarán primeiro por unha fase de preselección na que o xurado escollerá tres propostas de entre todas as presentadas. Valorarase a orixinalidade e instrumentación (3,5 puntos), a afinación e execución (3,5 puntos), posta en escena (2 puntos) e uso do galego (1 punto).

Unha vez xa finalizada a fase de preselección e publicada a súa resolución, abrirase a fase de selección final que determinará as propostas gañadoras a través dunha actuación en directo nalgún dos concertos da Primavera Cultural 2024, cunha intervención dun máximo de 10 minutos por aspirante.

0.1916880607605