O 5 de decembro abre as súas portas o XuvenLugo no Pazo de Feiras e Congresos

LugoXa
O XuvenLugo incorporará catro novas atraccións mecánicas coas que se trata de atraer máis publico adolescente ao recinto, e dous novos inchables de gran tamaño
Presentación-XuvenLugo-2024
29 Nov 2024

Celébrase unha nova edición do espazo de ocio infantil e xuvenil XuvenLugo, que abrirá as súas portas o vindeiro 5 de decembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo co apoio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro; a deputada de Cultura, Iria Castro; o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo; a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro; e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, adiantaron as datas de apertura e novidades que presenta esta nova edición do evento, no que se agarda a visita dunhas 20.000 persoas desde esta ponte de decembro ata despois de Reis.

A deputada de Cultura, Iria Castro, convidou “a familias e rapazada de todas as comarcas a desfrutar deste espazo de ocio co que colaboramos desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que amplía as opcións de lecer para as nenas e nenos nuns días de moita ilusión”, ao tempo que puxo en valor a “oportunidade que XuvenLugo ofrece de gozar do tempo libre en espazos comúns e compartidos”.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou “a contribución do XuvenLugo a ampliar a oferta de actividades que ofrece Lugo durante o Nadal, traendo á cidade a un público familiar de toda a provincia” ao que convidou a achegarse ás rúas de Lugo a disfrutar do alumeado e das actividades que se desenvolverán durante esas datas”.

O xerente do Pazo de Feiras e Congresos Rubén López detallou na súa intervención algunhas das novidades do XuvenLugo, que incorporará catro novas atraccións mecánicas coas que se trata de atraer máis publico adolescente ao recinto, e dous novos inchables de gran tamaño.

Ademais, o día 13 de decembro o XuvenLugo abrirá en horario de mañá para que os colexios poidan organizar visitas, atendendo unha petición que os centros viñan facendo nos últimos anos.

A maiores das atraccións e obradoiros na zona de ludoteca, haberá dúas xornadas especiais, marcadas polas visitas de Papá Noel, o 23 de decembro, e os Reis Magos, o 4 de xaneiro.

No mes de decembro, o XuvenLugo poderá visitarse do día 5 ao 8, do 13 ao 15, do 20 ao 23 e do 25 ao 30. Xa en xaneiro, os nenos e nenas gozarán das actividades do día 1 ao 4. O 13 e o 20 de decembro serán xornadas de portas abertas, con acceso de balde para todo o mundo, no marco do patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo.

O horario será de 16.30 a 20.30 e hai diferentes prezos: a entrada xenérica custará 9 euros; a de concellos, colexios e asociacións (con reserva anticipada para un mínimo de 15 persoas) terá un importe 7 euros; e o bono para grupos de 10 persoas poderá adquirirse por 80 euros. Todas as atraccións están incluídas, agás o minigolf, a pista de slot, o touro mecánico e o rocódromo.

0.17856502532959