O 50 % do alumnado do Campus Terra vén de fóra de Galicia

LugoXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mantivo un encontro co vicerreitor do Campus de Lugo da USC, Francisco José Fraga, no que recoñeceu todo o labor de difusión do amplo abano de titulacións da oferta educativa, así como o nivel científico dos proxectos de investigación que teñen en marcha.
isabel_rodriguez campus_terra
18 Abr 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mantivo un encontro co vicerreitor do Campus de Lugo da USC, Francisco José Fraga, no que recoñeceu todo o labor de difusión do amplo abano de titulacións da oferta educativa, así como o nivel científico dos proxectos de investigación que teñen en marcha. Nesta visita, aproveitou para lembrar aos preto de 4.000 estudantes do Campus Terra que está aberto o prazo de solicitudes para as bolsas e axudas do Ministerio de Educación para o curso 2024/2025 ata o 10 de maio.

Isabel Rodríguez informou de que nesta convocatoria, á que se destinan 2.535 millóns de euros, introducíronse algunhas novidades como o incremento nun 5 % dos limiares de renda para permitir que máis estudantes accedan a unha bolsa, a equiparación de vítimas de violencia sexual menores de idade coas vítimas de violencia de xénero en canto á flexibilización dos requisitos académicos, ou a exclusión do cómputo dos rendementos patrimoniais as subvencións ao alugueiro da vivenda habitual, unha reivindicación de estudantes e familias.

A subdelegada deu os parabéns ao vicerreitor polos programas impulsados para dar a coñecer a oferta do campus a alumnado de secundaria para elixir Lugo como destino educativo. “Cada vez son máis mozos e mozas as que deciden trasladarse a Lugo para realizar os seus estudos universitarios, destacando o caso da Facultade de Veterinaria, onde actualmente o 50 % do alumnado vén de fóra de Galicia”, subliñou Rodríguez. Ademais, ambos destacaron o transcendental labor de investigación que se realiza no campus lucense.

 

0.097620964050293