O 70 % da superficie de Altri en Palas de Rei será verde

LugoXa
A fábrica de fibras téxtiles só ocupará o 30 % da parcela; o cinturón verde, incluíndo as áreas de compensación, o 28 %; e o 42 % restante manterase no seu estado actual
zona-verde-Altri
24 Apr 2025

Co obxectivo de minimizar o impacto visual do proxecto GAMA na súa contorna, favorecendo ademais a preservación do ecosistema natural desta, Altri, a compañía que impulsa a fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei a través da súa filial en España, Greenfiber, desenvolverá un minucioso proxecto paisaxístico nun total de 99 hectáreas. A intervención nesta superficie contempla non só un cinto perimetral de especies autóctonas, senón tamén unha serie de áreas de compensación para protexer e favorecer o crecemento de especies endémicas protexidas, ademais dunha zona tampón respecto da ZEC Serra do Careón.

Deste xeito, das 366 hectáreas de superficie total da parcela: a fábrica ocupará 112 ha, o 30 %; 155 ha manteranse no estado actual, o 42 %; e 99 ha, é dicir, o 28 %, serán o cinto verde e a área de compensación de especies protexidas.

Sobre o cinto verde

O cinto verde terá unha anchura media de entre 20 e 30 metros, podendo acadar os 200 m nas zonas próximas a áreas como a ZEC Serra do Careón ou a Lagoa de Quintas. Neste sentido, o anel perimetral permitirá “a súa funcionalidade como zona refuxio e corredor ecolóxico”. Para iso, o proxecto aposta por especies autóctonas tanto de arborado como de matogueira, e contempla a zonificación da superficie verde que rodeará a área industrial, propoñendo en cada zona actuacións específicas en función da vexetación existente na actualidade, das características do solo, potencial, etc.

Ademais, o deseño foi formulado para cumprir unha serie de obxectivos, como servir de zona de amortecemento co medio natural circundante, integrar paisaxisticamente as edificacións da industria, preservar os valores culturais da zona como o Camiño de Santiago, e protexer os valores naturais como flora protexida, hábitats de interese e espazos naturais de interese local.

Especies

Nas plantacións que se leven a cabo, xa sexan de árbores ou arbustos, empregarase exclusivamente especies autóctonas, como o carballo; sobreira; bidueiro; castiñeiro; acivro; érbedo; herba salgueira, etc.

Ademais, naquelas zonas nas que se considere viable e no caso de existir sementes potencialmente viables de especies protexidas, valorarase a súa sementeira para favorecer a posibilidade de implantación destas con maior rapidez.

Plan de conservación de especies protexidas: Santolina melidensis, Leucanthemum gallaecicum e Armeria merinoi

Pola súa banda, o plan sobre especies protexidas foi deseñado non só para garantir a conservación e protección destas especies no seu hábitat; senón tamén para conservar e mellorar as poboacións, incluíndo a súa implantación en espazos nos que non se rexistrou a súa presenza na actualidade, pero nos que hai indicios de que existiron noutro tempo, minimizando as dificultades específicas naturais que se producen. Realizarase un seguimento anual das poboacións de Santolina melidensis, Leucanthemum gallaecicum e Armeria merinoi para avaliar o estado de saúde das distintas zonas, a evolución, taxa de crecemento e reprodución.

Así mesmo, levarase a cabo unha retirada selectiva da terra vexetal en todas as superficies directamente afectadas polas obras, antes de que se produza o movemento de terras, co fin de conservar e manter vivo o solo serpentínico para a súa posterior reextensión sobre os terreos afectados, de modo que se poida buscar a implantación das especies endémicas tamén nesas zonas.

⚙ Configurar cookies
0.16855001449585