O ADC Sagrado Corazón presentou os seus equipos nunha gran festa
Emoción, risas, alegría, protagonismo… E sentimento. Todo iso e moito máis viviuse na presentación oficial da tempada 23-24 que o ADC Sagrado Corazón organizou no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. "Desde a entidade buscabamos que unha vez máis os protagonistas do club, esta campaña máis de 140 nenos/as, foran precisamente iso, os grandes actores e actrices no seu gran día desta bonita película", explican desde a organización.
Tras as primeiras fotos oficiais de todos e cada un dos equipos, ás 12:30 horas daba comezo o desfile de todos os equipos que entraban ao salón a ritmo de boa música e presentados un a un por unha das grandes voces do xornalismo deportivo en Galicia, Terio Carrera. Entre medias, intervencións das autoridades que nos acompañaron neste día como foron o concelleiro de Deportes e Xuventude do Concello de Lugo, Jorge Bustos, o delegado Territorial en Lugo da Xunta de Galicia, Javier Arias, e o delegado en Lugo da RFGF, Manolo Vilachá. Todos eles seguiron atentamente a presentación de todos os equipos xunto aos representantes dos diferentes patrocinadores do club e a xunta directiva do mesmo. E é que non faltaron anécdotas e sobre todo moitas risas nas diferentes entrevistas que Terio Carrera foi realizando aos diferentes xogadores, xogadoras e adestradores.
Para pechar o evento, o presidente do club, Jacobo Gómez, tomou a palabra e agradeceu a todos os pais e nais por confiar e elixir un ano máis á ADC Sagrado Corazón para a formación dos seus fillos e fillas, non só como deportistas, senón tamén como persoas, e por suposto tamén agradeceu a confianza de todos os patrocinadores polo apoio que ofrecen a este proxecto así como o das institucións, nun ano que estamos ás portas de que o club alcance os seus 60 anos de historia.
O acto finalizou coa gran foto da familia corazonista xunto a todos os técnicos, Directivos, patrocinadores e representantes das institucións. Posteriormente e por primeira vez tras a pandemia celebrouse a comida oficial do club con máis de 150 persoas que compartiron mesa e mantel para pechar así un gran día de sentimento branquiazul, na que non faltou o sorteo de agasallos, música e sobre todo un gran ambiente e moitas risas entre todos os que formamos esta familia.