O alcalde de Castroverde ameaza con "levar aos tribunais" ao conselleiro de Medio Rural por prohibir plantar eucaliptos
O alcalde de Castroverde, o socialista José María Arias, ameaza con "levar aos tribunais" ao conselleiro de Medio Rural, José González, ademais de pedir a súa dimisión, por non permitir a plantación de eucaliptos no municipio.
O rexedor asegura que o goberno local de Castroverde defende a plantación porque "é tamén un medio de vida para calquera" e asegura que o Plan Xeral de Ordenación Municipal o permite nalgunhas zonas.
Censura a actitude da Xunta, pero dun xeito especial ao conselleiro do Medio Rural e ao propio presidente, por "fomentar a desordenación do territorio no rural, no campo, no monte e no agro, e suma e sigue", di Arias.
O alcalde de Castroverde criticou a José González pola súa recente visita a Baralla e dicir que fará "unha moratoria de dous meses para que todo o mundo ande co sacho plantando eucaliptos onde non se pode". Para Arias, "non pode ser que haxa zonas masificadas cun 90 por cento de eucaliptos e agora veñan a Castroverde prohibilos".
Neste senso, aposta por "poñer unha taxa en toda Galicia" para protexer as carballeiras, "en lugar de anunciar que se denunciará cando se vexa a alguén plantar", remata.