O alcalde de Friol foi nomeado por Rueda vicesecretario de Concellos do Rural

TerraChaXa | LugoXa
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, confesou sentir "alegría e orgullo" tras ser designado vicesecretario de Concellos do Rural.
jose angel santos alcalde friol
24 Maio 2022

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, confesou sentir "alegría e orgullo" tras ser designado polo novo presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, como vicesecretario de Concellos do Rural do partido a nivel autonómico.

"É unha alegría, é un orgullo que se conte cun alcalde do rural para esa Vicesecretaria e teño que agradecer a confianza que se deposita na miña persoa para ostentala", exteriorizou, á vez que prometeu "envorcarse nas necesidades" do rural.

Santos afanouse en adiantar que "por falta de implicación e traballo non vai quedar". "E imos tentar facer un bo labor desde ese posto, facer cousas positivas e boas para os concellos rurais", engadiu.

En resumo, o alcalde de Friol avanzou que "se trata de ver as necesidades" deste medio, da que os rexedores destas zonas son "coñecedores". "Trátase de darlle un impulso (ao rural) con medidas que estimulen o sector primario no rural. Vai ser un proxecto de oportunidades para polo menos tentalo e ver que no rural hai oportunidades e hai posibilidades de vida", subliñou.

Sobre isto, Santos asegurou que o presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, "cre no rural e por iso habilitou esta Vicesecretaría que vai enfocada aos concellos rurais de Galicia".

O de Friol, xunto coa rexedora de Triacastela, Olga Iglesias, son os dous alcaldes lucenses con presenza na nova executiva do PPdeG trazada por Rueda tras o congreso celebrado en Pontevedra a pasada fin de semana.

0.12738299369812