O alcalde de Lugo anuncia a renovación do Comité de Acoso para reforzar a confidencialidade

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, comunicou á Xunta de Persoal e ao Comité de Empresa a súa intención de renovar os cinco membros que integran o Comité de Acoso, co obxectivo de asegurar a máxima confidencialidade e reforzar a confianza das traballadoras e traballadores municipais neste órgano.
A medida enmárcase no compromiso do Goberno local de preservar a privacidade dos debates e das actuacións do Comité, así como de garantir que o seu funcionamento sexa efectivo, imparcial e rigoroso, ofrecendo todas as garantías ás persoas que poidan necesitarlle recorrer.
No escrito remitido ao Comité de Empresa e á Xunta de Persoal, o alcalde indicou que “habéndose producido algunhas dúbidas en relación co mantemento do deber de confidencialidade nos debates do Comité de Acoso e, en aras de que todos os traballadores e traballadoras poidan dirixirse a este órgano con absolutas garantías, procédese ao cese do actual e á súa renovación”.
Fernández Méndez explicou que esta decisión busca reforzar a confianza e a transparencia interna na administración municipal, garantindo que o Comité de Acoso —formado por seis traballadores e traballadoras municipais— conte coas condicións necesarias para actuar con independencia e co máximo respecto á confidencialidade.
O alcalde subliñou que “é unha prioridade asegurar a confidencialidade absoluta de todas as persoas afectadas por situacións de acoso e que este órgano funcione con rigor, independencia e sensibilidade”. Engadiu que “o Concello de Lugo aposta por un ambiente laboral seguro, igualitario e respectuoso, e para iso é esencial que o Comité de Acoso actúe sempre con discreción, profesionalidade e co respaldo da confianza do persoal municipal”.
O Concello continuará, en coordinación coa Xunta de Persoal e o Comité de Empresa, traballando na actualización e mellora dos protocolos internos de prevención e actuación fronte ao acoso, promovendo un entorno laboral baseado no respecto, a igualdade e a protección dos dereitos de todas as persoas que forman parte da administración municipal.