O alcalde de Lugo escoita as demandas do sector do taxi na súa primeira reunión institucional coas asociacións

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo a súa primeira reunión institucional cos representantes do sector do taxi na cidade, recibindo no Concello aos presidentes das asociacións provinciais de taxistas e de Radio Taxi, Jesús Rodríguez e Ovideo Aira, respectivamente.
Durante o encontro, os representantes aproveitaron para trasladarlle ao rexedor as principais inquedanzas que afectan ao colectivo, entre elas a competencia dos vehículos de transporte con condutor (VTC), que, aínda que en Lugo se concentra en datas moi puntuais, continúa sendo unha das súas principais preocupacións. Tamén abordaron o elevado custo dos seguros e outras cuestións que impactan na súa actividade diaria.
O alcalde xa tivera un primeiro contacto co sector o pasado 12 de xullo durante a celebración da festa de San Cristovo, patrón dos taxistas, onde puido coñecer de primeira man algunhas das súas demandas. No municipio existen actualmente 69 licenzas de taxi, dentro dun total de máis de 500 repartidas por toda a provincia.
A xuntanza desenvolveuse nun ambiente de cordialidade e boa sintonía, no que Miguel Fernández tamén se interesou pola opinión dos representantes sobre as obras de peonalización levadas a cabo no centro da cidade, amosando disposición ao diálogo para atender as súas necesidades.