O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, puxo en valor o esforzo do Goberno local durante a pandemia da Covid-19

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou o parque da Lembranza, onde se atopa o conxunto escultórico en memoria das vítimas da Covid-19, para render homenaxe ás persoas afectadas e a todos os colectivos sociais que colaboraron durante a crise sanitaria e social.
"Sen lugar a dúbidas, no momento social máis difícil que vivimos neste século, toda a veciñanza lucense demostrou a súa capacidade de superar obstáculos e traballou unida para minimizar ao máximo as consecuencias deste período", afirmou Fernández.
O rexedor fixo un balance do esforzo económico e político levado a cabo desde a Administración local, cando se cumpre un lustro desde o inicio da crise máis dura do século. "Sabemos anticiparnos e anunciamos, o mesmo día, liñas de axudas directas por valor de 5 millóns de euros. Fomos a primeira administración en preparar estas achegas e tamén en abonalas", destacou o alcalde, facendo referencia a iniciativas como o Plan Reanima.
"Esta medida foi a primeira acción de choque que activamos cun obxectivo claro: inxectar liquidez á nosa economía local cando o confinamento nos obrigou a parar e recluírnos nos nosos fogares. Máis de 3.400 persoas foron beneficiarias destas axudas, que axudaron a facer fronte aos gastos nunha situación tan complexa", explicou.
"O esforzo social realizado nese momento de máxima dureza queda patente nas persoas usuarias de servizos municipais como Xantar no Fogar, que duplicaron o seu número durante este período. Intentamos atender todas as necesidades asistenciais das nosas persoas maiores, mellorando o seu coidado e calidade de vida, pero tamén contribuímos a que se desenvolvan con autonomía e poidan permanecer nos seus fogares", subliñou Fernández, lembrando que o Goberno dirixido por Lara Méndez en 2020 destinou máis de 28 millóns de euros a políticas sociais.
Ademais, co obxectivo de salvagardar os postos de traballo, adoptáronse medidas inmediatas que agora se comprobou que foron acertadas. Entre estas, acelerouse o pagamento de facturas a provedores, aos que se inxectaron máis de 18 millóns de euros en liquidez nos dous primeiros meses da pandemia. Tamén se exoneraron os alugueiros municipais ás 44 empresas aloxadas no CEI Nodus e aos 66 comerciantes da Praza de Abastos e Mercado Municipal, e aprazáronse os pagos de impostos, como o IBI, para protexer a economía das familias, emprendedores e empresas, así como as taxas urbanísticas.
"Nesta liña, activouse a estratexia 'Lugo Seguro' e tamén nos adiantamos ao ofrecer cursos de formación nos comercios e na hostalaría para xerar confianza entre a clientela, aos que se sumaron máis dun centenar de establecementos. Nese tempo lanzouse a plataforma Fórmate Lugo, coa que 850 lucenses realizaron cursos online e gratuítos para mellorar a súa empregabilidade. Ademais, asináronse varios contratos para executar obras municipais e reactivar o sector da construción", engadiu o rexedor.
"Agora podemos comprobar como o apoio prestado polo Concello á cidadanía lucense durante a pandemia converteu Lugo, 5 anos despois, nunha cidade máis resiliente. Podemos presumir con orgullo que no CEI Nodus naceron os primeiros 20 emprendedores da pandemia en Galicia, mozos e mozas aos que acompañamos na súa aprendizaxe e na procura de investimento para os seus proxectos empresariais", concluíu Fernández.